O goberno de Ferrol afondará na rehabilitación do Castelo da San Felipe

Publicado o26 Marzo, 2019porferrolencomun


Fomento ven de aprobar unha achega de 400.000 euros para actuar sobre o sotema de evacuación de augas e cubertas pétreas da fortaleza con cargo ao 1,5% cultural O castelo é, ano tras ano, o monumento mais visitado cunha media anual de 40.000 persoas

Ferrol, 15 de marzo.- Dentro da relación de proxectos aprobados polo Ministerio de Fomento e Cultura e Deporte, con cargo 1,5% figura o  presentado polo Goberno de Ferrol, a través de Patrimonio Histórico, para actuar sobre o sistema de evacuación de augas e cubertas pétreas do Castelo de San Felipe.  Foi presentado o 3 de xullo do 2018 e a resolución chegou a finais desta semana.  O custo total da intervención ascende a 455.581,37 euros dos que Fomento achegaría o 75%. Achegamos a memoria valorada do proxecto, redactada 2018 polos técnicos da Área de Urbanismo, que mereceu o recoñecemento de Fomento para a inclusión do Castelo de San Felipe na lista dos proxectos a executar con cargo ao Programa do 1,5% cultural. O Castelo, auténtico baluarte e referente turístico da nosa cidade, segue a ser -ano tras ano como confirman os datos estatísticos recollidos nas dúas oficias municipais de Turismo da nosa cidade, o monumento mais visitado de Ferrol. Como exemplo, foron 1810 visitas na Semana Santa do 2018 e 15.300 nos meses de xullo e agosto. Mais de 40.000 visitas no 2017. Esta nova intervención será un gran paso mais no inxente traballo feito neste mandato para a recuperación e rehabilitación da nosa fortaleza mais senlleira, que atopamos nun estado tan deplorable no verán do 2015 que motivaron o valado de certas áreas do castelo por razóns de seguridade ante o grave risco de derrubo para acometer traballos de urxencia que aseguraran o recinto.  Obras executadas no Castelo neste mandato: actuacións no interior do espazo adicado aos vixiantes, cubertas dos dous corpos de entrada e recuperación do almacén de Cureñas como sala multisusos. Limpeza e roza do muro da batería baixa, o que mira á ría, limpeza de entullos e retirada das cubertas dos corpos da Casa do Gobernador, limpeza xeral do castelo e rozas periódicas e reiteradas, que non se realizaban. Tamén está redactado o proxecto para as obras de recuperación da Casa do Gobernador, e un segundo proxecto para todo o entorno da parte mais antiga do Castelo,   que se executaría con cargo a unha subvención da Deputación provincial da Coruña pendente de resolución. A maiores, xa está en redacción un Plan de usos do Castelo.  Con todo, a suma do investido -engadindo os proxecto de Fomento e as achegas da Deputación-  supera o millón de euros na recuperación e conservación do Castelo neste mandato.