Seguimos na recuperacion das institucións para a xente do común. Grazas, a tantas. Un día emocionante. Quero volver porque creo en vós, na vosa mirada que pode revolucionar a cidade. Imos! #Horizonte2019” ( Jorge Suárez)

O pasado sábado 2 de xuño foi un día intenso e ilusionante. Ilusionante pola confirmación do noso compañeiro Jorge da súa vontade para continuar no vindeiro ano “revolucionando” a cidade xunto coas persoas que integramos FeC. Ilusionante, porque este sábado, as que alí nos xuntamos, en Canido, reafirmamonos no noso compromiso con esta cidade e coas xentes do cumún que nela habitan, coa ilusión e a forza precisa seguir recuperando ás institucións para a xente do común.
Así, pola mañá, celebramos a nosa asemblea ordinaria, na que a Coordinadora e o Grupo Municipal deron conta ás persoas inscritas do traballo desenvolto e das liñas de actuación e proxectos que están a desenvolver, recollendo ás suxerencias e achegas da asemblea. Sen dúbida foron intervencións moi interesantes que desfán a percepción da inmobilidade que algúns sectores e medios de descomunicación queren dar do goberno de FeC.
Finalizamos a asemblea abordando os moitos retos que temos que afrontar, aprobando o documento “Horizonte 2019”, que marca o vieiro para dotármonos de todos os instrumentos posibles para continuar na liña do que estamos acadando, deseñando a axenda que nos leve a maio de 2019.
E pola tarde quixemos celebrar os 3 anos de Municipalismo en Ferrol, para o que contamos coa presenza coas irmáns de cidades e vilas rebeldes, como Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña da Marea Atlántica, María Rozas, alcaldesa accidental e concelleira de Patrimonio e Facenda de Compostela Aberta, Modesto Renda de Vilalba Aberta e María Chao de Xunt@s polas Pontes. Obrigado a todas por vir!!
María Chao deunos azos para seguir e ofreceu continuar tecendo redes de cooperación, importante entre todas as mareas e especialmente da vila veciña, Ferrol non pode esquecer a súa vocación comarcal.
O compañeiro Modesto Renda sacounos as cores elevando a Ferrol á categoría de símbolo de loita obreira, lembrando a Amador e Daniel, e resaltando a raíz de todo, a razón de ser dos movementos municipalistas, que sexa a xente do común a que realmente goberne e recupere as institucións.
María Rozas fixo fincapé no importante da colaboración e apoio entre as mareas municipalistas e expresou esperanza polo cambio de goberno estatal e as consecuencias directas que poida ter nos gobernos municipais.
Pola súa banda Xulio Ferreiro fixo un relatorio sobre as mudanzas que trouxo o seu goberno na Coruña , non só na faciana da cidade tamén na relación coa veciñanza, o diálogo entre corporación e veciños que consideran que por primeira vez son escoitados e, sobre todo, consultados. Fronte á publicidade doutros a realidade a pé de rúa.
Como peche deste día tan intenso, a intervención de Jorge Suárez, que adicou unha fermosa homenaxe a loitadores e mestres como Fernando Miramontes e Fina Piñón que se atopaban entre o público e arrincounos un merecido aplauso.
Agradeceu ás xentes de FeC, do grupo de goberno, e achegadas e simpatizantes o seu traballo e implicación. Insistiu unha vez máis na necesidade de mover os marcos, de rachar lindes de tempos e xeitos pretéritos e seguir traballando na unidade popular, partir do municipalismo como xeito de goberno da xente do común para a xente do común.
Para rematar a súa intervención, deunos a boa e meditada nova da súa intención de dar un paso á fronte e voltar presentarse co noso apoio, que nós dámoslle dende a fraternidade e a confianza por que nós tamén creemos nel.
Reforzados na ilusión e con ganas de traballar …seguimos!