O alcalde anunciou hoxe a súa intención de querelarse polo civil e polo penal contra un grupo de individuos que presentaron un escrito falaz acusando ao Executivo de dous delitos tan graves como infundados

Temos dereito a defender a nosa honradez destas falacias de contido político que buscan enturbar e desgastar a este Goberno”, manifestou Jorge Suárez

O Goberno de Ferrol emprenderá accións legais contra un grupo de persoas, nomeadamente membros doutras candidaturas electorais que concorreron as eleccións municipais do 2015, que no día de onte presentaron un escrito nos xulgados da cidade formulando unha denuncia contra ao rexedor e a equipa de Goberno por dous presuntos delitos tan graves como infundados pola propia descrición do acto punible.

O alcalde, Jorge Suárez, avanzou hoxe en rolda de prensa a intención do Executivo local de querelarse en dúas vías: civil e penal, contra este grupo de persoas, asinantes con nomes e apelidos dun escrito de 14 páxinas en forma de denuncia que definiu como “falso, sen fundamento xurídico algún, pragado de erros e incorreccións e que atenta contra o dereito a honra do alcalde e do conxunto do Goberno local”.

Esta denuncia non ten ningún sustento i é unha denuncia de contido político para sacar réditos electorais a un ano vista das eleccións co único intereses de desgastar a este Goberno que traballa con rigor e seriedade”, manifestou Suárez, que estivo acompañado na súa comparecencia pública do voceiro de Ferrol en Común e do concelleiro de Cultura, Educación e Deportes, Suso Basterrechea.

Esta denuncia chega co único fin de enturbar e penso que estas persoas non son conscientes das consecuencias dos seus actos contra os que temos o dereito de actuar, na defensa da nosa honra”, declarou hoxe o primeiro edil. “Creo na política como na procura do ben común e no meu interese desde a primeira hora até a última do día, está o interese desta cidade fronte a un grupo de persoas que destrúen mais que constrúen”, engadía.

Reservámonos as accións legais oportunas, pola vía civil e penal, contra este grupo de persoas que difaman a un Goberno que sempre fixo o que corresponde a legalidade e que os habilitados nacionais -Secretaría Xeral e Intervención Municipal- foron ditando en todos os informes i expedientes que sustentan as nosas decisións”, declarou o rexedor.

Nunha concorrida comparecencia ante os medios, o alcalde referiuse a algunha das cuestións falaces, incongruencias e inexactitudes deste escrito-denuncia de 14 páxinas, lembrando que o saneamento da ría de Ferrol é efectivo e real -así o certifican os informes técnicos- desde o 3 de abril de 2017, e polo tanto, a súa prestación leva aparellada, legal e necesariamente, unha taxa que sustente economicamente o seu financiamento e perdurabilidade.

Foi este Goberno o que destapou a fraude, en agosto do 2015, dunha depuradora que non depuraba e que verquía as augas negras ao mar directamente por un bypass sen tratamento algún malia ao cobro a veciñanza dunha taxa aprobada no 2014”, lembraba hoxe o rexedor.

O cobro daquela taxa quedou en suspenso desde o 18 de setembro do 2015 até o 15 novembro do 2017, data na que o pleno acordou o levantamento da suspensión do devengo dun tributo legalmente preceptivo conforme a normativa europea, para costear un servizo que se viña prestando desde o mes de abril, tal e como se certificou, e que queda ben patente nas analíticas que acreditan a mellora palmaria da calidade das augas.

Defendemos que a nosa actuación foi conforme a dereito. Defendemos que o saneamento é unha realidade e defendemos que nos move o interese público e da cidadanía fronte aos privados”, concluía Suárez.

O rexedor lembrou, por último, que a actual taxa de saneamento foi a única posible, non a desexable, logo de que ate en tres ocasións o Goberno levase a pleno unha nova proposta de tributo rexeitado pola oposición.

O 26 de decembro do 2017 foi adxudicado a EUDITA FAIR VALUE AUDITORES, S.L. un contrato menor -publicado na web municipal http://www.ferrol.gal/Transparencia/ContratosMenoresAmpliar/16290985- por un importe 21.175 euros para acometer un estudo de custos do sistema de depuración de augas residuais para a modificación da taxa de depuración co fin de axustar ao máximo o tributo ao gasto real coa vontade de que a veciñanza non teña que pagar nin euro de mais.

Esta firma dispón dun prazo de tres meses para elaboralo. A maiores, o Executivo segue avanzando na formulación do expediente para determinar como reverter o cobro indebido de 800.000 euros en concepto de taxa de saneamento desde 2014 até setembro do 2015 por un servizo que non se prestaba.

A autodenominada Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos presentou, con anterioridade, dúas denuncias que xa foron arquivadas.