É unha actividade gratuíta que terá lugar todos os sábado de abril co gallo da súa fundación en Ferrol, o 15 de abril do 1917

Ferrol, 30 marzo.- Ferrol coas Irmandades da Fala é a proposta dun novo roteiro da memoria para a recuperación e difusión da nosa propia historia cultura. Esta actividade, que organiza de xeito gratuíto o Concello de Ferrol, a través do gabinete de Normalización Lingüística, terá lugar todos os sábados de abril con saída as 17:00 horas desde a Praza de Amboaxe e final no teatro Jofre.

Os roteiros principian este sábado, día 1 e repetiranse os días 8, 15, 22 e 29. Para participar, únicamente hai que anotarse no grupo do sábado no que se queira facer o roteiro e por dúas vías: no correo gnl@ferrol.es ou no mobil 698 157 414

Un pouco de historia..

No ano 2016 tivo lugar o centenario da fundación das Irmandades da Fala. En Ferrol foi o 15 de abril do 1917, de aí que co gallo dos 100 anos, o Concello aposta por retomar a organizar estes roteiros na primavera.

Este paseo para descubrir a nosa grande achega á cultura galega está dividido en sete paradas temáticas, que percorren os lugares mais significativos nos que desenvolveron o seu labor: Fundación da Irmandade, Xaime Quintanilla (Irmán da Fala), Toxos e Froles (Fachenda das nosas raíces), o xornalismo, a editora Céltiga (a primeira en galego), a pintura de Bello Piñeiro e o teatro.