As tres candidaturas municipalistas procuran un acordo provincial para esixir melloras no ferrocarril de cercanías, fundamental para unha mobilidade sostible. O texto recolle os eixos da Declaración Institucional polo Eixo Ferroviario Ferrol -A Coruña, asinada en Ferrol por nove concellos o pasado 20 de marzo.

Os grupos provinciais da Marea Atlántica e Compostela Aberta, co apoio de Ferrol en Común, levarán ao pleno da Deputación da Coruña unha moción en defensa dun tren de proximidade digno entre A Coruña e Ferrol. Na iniciativa, que será debatida este venres 31 de marzo, pídese o apoio á Declaración Institucional polo Eixo Ferroviario Ferrol -A Coruña asinada no Concello de Ferrol o o 20 de marzo. Tamén insta á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento a tomar medidas para corrixir o histórico atraso desta liña de cercanías.

A moción sinala que mentres as tarifas da peaxe da AP9 “foron e son reiteradamente denunciados polos milleiros de usuarios e usuarias que a percorren cada día”, o tren de proximidade é unha alternativa económica, sostible, válida para persoas e mercadorías. Por todo iso, e por “tratarse

dunha débeda histórica”, a mellora do tren A Coruña – Ferrol “debería ser prioritaria”. O texto propón unha serie de medidas a curto prazo:

Incremento de frecuencias para facer compatible o tren cos horarios laborais e estudantís.

Mellora das estacións intermedias en materia de accesibilidade, e permitir a combinación cos servizos de FEVE e autobús.

Fomento do uso do ferrocarril, con bonificacións e descontos nos billetes para facer máis atractivo o servizo, fronte aos elevados prezos do bus e as peaxes.

Inclusión do tren no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta, que agora só atende aos autobuses. Isto permitiría introducir os descontos sinalados no punto anterior.

Melloras na infraestrutura para reducir o tempos de viaxe. Resulta especialmente urxente eliminar o bypass de Betanzos.

Ademais, a moción esixe, a medio prazo, a adecuación da liña a un tren de proximidade digno, que non deixe á comarca de Ferrolterra marxinada do Eixo Atlántico. Este deseño dun ferrocarril axeitado entre A Coruña e Ferrol estivo recollido nun convenio da Xunta o Ministerio de Fomento asinado no ano 2000, que nunca se cumpriu. Suporía un investimento de 500 millóns de euros para lograr un traxecto de 25 minutos sen paradas entre as dúas cidades.

Esta iniciativa recolle os acordos da Declaración Institucional polo Eixo Ferroviario Ferrol -A Coruña asinada no Concello de Ferrol o o 20 de marzo, por 9 municipios, as dúas deputadas provinciais de En Marea pola Coruña (Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino) e o senador do PSOE,

Ángel Mato. Tamén reflicte o espírito da Proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia o 15 de marzo, que reclama melloras urxentes nesta liña ferroviaria.

A mobilidade sostible non se entende hoxe sen un tren de proximidade eficiente, por iso a Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común procuran defendelo cun acordo na Deputación Provincial.