ap9

Ferrol 9 de novembro 2016- Unha vez máis a incoherencia do PP quedou clara cando dicía en Galicia o contrario do afirmado en Madrid. Esta pasada semana a coalición PP e C´s votaron contra da proposta de EnMarea respecto da transferencia da AP9, que recentemente veu prorrogada a concesión ata o 2048.

A pesar de contar co respaldo de ERC, PNV e Compromís e ter un pacto co PSOE, a dita proposición non de lei decaeu cun resultado de empate. Un, dos 19 diputados non votou, polo que as tres votacións deron como resultado o empate. Dende en Marea sinalaron directamente ao PSOE, algo que non sería nada estraño dado o gusto do “PSOE da xestora” de apoiar sistemáticamente ao PP a través das “abstencións técnicas”.

A AP9 é unha infraestrutura que neste 36 anos, tal e como afirmou Alexandra Fernández no Congreso dos Diputados está “máis que amortizada” e pola que os cidadáns galegos teremos que seguir pagando con esas elevadas peaxes por unha autoestrada cada vez en peores condicións de mantemento e que continuamente reduce o seu persoal, a pesares de que en todo este tempo de concesión leva xa gañado 2 400 millóns de euros.

Dende FeC entendemos que esta nova prórroga e esa oposición do PP no Congreso dos Deputados non resposta máis que ao interese deste partido de seguir favorecendo a esta concesionaria superpoñendo os intereses dos seus “amiguetes” aos intereses da cidadanía galega.

Entendemos que a transferencia da AP9 xoga un papel fundamental para mellorar a vertebración territorial do noso país, e que seguir mantendo esta vía con esas altas peaxes non só supón un atranco para a mobilidade territorial dos galegos e galegas, senón que é un “atraco manifesto” que conta co apoio do goberno do PP en Madrid e no noso país a pesar das distintas declaracións dos distintos dirixentes en Galicia ou mesmo do dito no seu programa electoral, quedando de novo clara súa incoherencia neste tema, tal como aconteceu con outros temas vitais para o noso país.

Agora a nova Xunta de Galicia e Fomento presentan un enganabobos substituíndo a transferencia da AP9 por unha comisión para supervisar a autoestrada. En realidade isto non significa máis que outra volta de torca ao que xa non só é un bloqueo ao traspaso senón que é escenificación dunha renuncia a ese traspaso ou adiamento sine die, que en palabras de Feijoó “ficará cos problemas de xestión” que segundo o presidente da Xunta está na base das demandas para “esas reclamacións de traspaso” .Onde queda entón ese compromiso serio do PPdeG co traspaso da AP9 que según eles manteñen dende o 2009?.

Dende FeC entedemos vital seguir demandado o traspaso da AP9 xa que non só se trata dun problema de “xestión” senón que é unha cuestión de xustiza para os galegos e galegas xa que falamos dunha infraestrutura xa pagada e polo tanto debe ser gratuíta.

Falamos dunha infraestrutura que é vital xa que non só porque percorre o noso país de norte a sur e está implantada no 60% de ámbito territorial galego incidindo directamente na nosa mobiliade que melloraría substancialmente a nosa calidade de vida. Ademais é que dun xeito directo ou indirecto está relacionada co 70% da actividade económica de Galicia cumprindo un importante papel de dinamización socioeconómica do eixo atlántico dende Ferrol ata Tui.

FeC por tanto seguirá apoiando a demanda de En Marea e esixe o traspaso inmediato desta autoestrada, a gratuidade da AP9 xa que entendemos que é vital para o desenvolvemento económico e social do noso país e en especial tamén na nosa Comarca.