photo_2016-08-04_17-48-38-1

A partir do 5 de agosto  pódense presentar candidaturas. As votacións terán lugar o 16 e 17 de agosto, e os resultados definitivos proclamaranse o día 20 do mesmo mes

A coordinadora provisional de En Marea anunciou este xoves que o proceso de primarias para as eleccións autonómicas do 25 de setembro xa está aberto. Vén de publicarse o regulamento definitivo e a partir deste venres poderanse presentar candidaturas. O único requisito para participar é ser maior de 16 anos, ter residido en Galicia nos últimos 5 anos, e asinar o manifesto do espazo de confluencia ata o 13 de agosto.

O voto poderá realizarse de xeito telemático ou presencial, e requirirá que a persoa acredite a súa residencia co DNI, documento de empadroamento ou factura onde conste o nome do titular e o enderezo. O luns 8 de agosto abrirase o proceso para solicitar o sufraxio a distancia por internet. E nesa mesma semana informarase dos puntos nos que estarán situadas as mesas electorais.

Un proceso coa porta aberta a todas

No lanzamento das primarias participaron os alcaldes da Coruña e Santiago de Compostela, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, e Estela Pazos, integrante do comité electoral, quen explicou os aspectos técnicos. Ferreiro destacou que o sistema escollido para o proceso é “inclusivo” e busca fomentar que as diferentes sensibilidades de En Marea obteñan representación e se vexan reflectidas nas listas finais. E lembrou que “non haberá outro proceso, non imos volver para atrás e establecer unha negociación entre cúpulas, as persoas de Podemos aínda teñen o censo aberto para incorporarse, e tamén para candidatarse”.

Pola súa banda, Martiño Noriega sinalou que “buscamos un espazo de igualdade e por iso presentamos este proceso de primarias, e esa igualdade non pode deturparse”. Lembrou que “a unidade popular lévase artellando en Galicia desde 2012”.  E sinalou, metafóricamente, que “é como un arco da vella, que ten moitas cores, pero só é un arco da vella”. Por iso, considerou que se unha das partes decide ir en paralelo e integrarse despois “sería un agravio comparativo. Que pensarían as outras forzas que foron xenerosas, se diluíron e aceptaron este proceso de primarias? Pois que sería un mal negocio. A xenerosidade non se pode confudir coa submisión”

Como votar?

As votacións desenvolveranse en dúas partes. Por un lado votarase o candidato ou candidata á presidencia da Xunta, e por outro escollerase o resto das persoas que formarán a candidatura da provincia na que estea censada a electora. Neste último caso, as listas serán paritarias e o voto realizarase de xeito ponderado e en cremalleira. É dicir, os e as votantes ordenarán os candidatos e candidatas segundo a súa preferencia e outorgaranlle máis puntos ás que sitúen máis arriba (1 punto á primeira, 1/2 punto á segunda, 1/3 á terceira e así sucesivamente). E será obrigatorio alternar entre homes e mulleres ao realizar o sufraxio, para garantir a paridade.

As persoas censadas na Coruña deberán votar 14 persoas para configurar a lista provincial, 12 as de Pontevedra, 8 as de Lugo e outras 8 as de Ourense. O comité electoral aplicará correccións para garantir a paridade de xénero se os resultados finais non a respectasen.

En canto ás persoas que queiran formar parte dunha candidatura, deberán cumprir as condicións fixadas pola lei electoral e, ademais, ter asinado o manifesto dos alcaldes ata o 13 de agosto e asumir o Código Ético aprobado na Marea Constituínte. Serán automaticamente excluídas se están imputadas por delitos de corrupción ou vulneración de dereitos humanos. Para optar á candidatura á Presidencia da Xunta será necesario, ademais, reunir o aval de 100 persoas, cun mínimo de 20 por provincia. Para outros postos da lista, son precisos 15 avais, de polo menos tres concellos distintos.

Toda a información dispoñible sobre as primarias pode consultarse aquí.

mareaconstituinte.gal