tres alcaldes
                                                              Os tres alcaldes do Cambio ao remate da #MareaConstituínte

En Vigo, cun amplo consenso, apróbanse o sistema de primarias, a organización interna dun partido instrumental con participación individual, a forma de goberno que se aplicará na Xunta e o código ético dos cargos electos

Coa participación dun milleiro de persoas, a Marea Constituínte crea un proxecto político aberto, con base cidadá e que aspira a representar o cambio en Galicia, alén das eleccións autonómicas.

Vigo, 30 de xullo de 2016

Un milleiro de persoas asistiron hoxe á Marea Constituínte, celebrada no auditorio Mar de Vigo, e aprobaron, por un amplo consenso, os catro documentos que sentan as bases do proxecto politico que representará a mudanza en Galicia, nas vindeiras eleccións autonómicas e máis alá. A partir do traballo realizado polas Mareas en Común desde xaneiro e dunha ducia de emendas presentadas nos últimos días, acordouse o regulamento para unhas primarias abertas, a organización interna dun partido instrumental de participación individual, o funcionamento do grupo parlamentario e o goberno da Xunta, e o código ético dos cargos electos. Transparencia, rendición de contas e participación cidadá son as ideas centrais destes documentos.

Neste plenario rematou o traballo da mesa xestora que impulsou a Marea Constituínte, e que foi sustituída por unha coordinadora provisional, que facilitará o proxecto nestas semanas de transición, ata que poidan elixirse os novos órganos. Está formada por Xosé Manuel Beiras, Rubén Pérez, Victoria Esteban, Carmen González Novoa, Iago Martínez, Ledicia Piñeiro, Manolo Antelo, Eva Solla, Rafa Dopico, Mariano Bóveda e Manolo Barreiro, persoas de consenso que tiveron o apoio maioritario das asistentes en Vigo.

Como afirmou Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, “se estamos aquí é porque o que nos une é moi forte, porque hoxe comezamos a pórlle punto e final á carreira politica de Alberto Núñez Feijóo”. Pola súa banda, Martiño Noriega, rexedor de Santiago de Compostela, sinalou que “o traballo de hoxe ten o aval de máis de 2.500 persoas que asinaron o manifesto que presentamos o 5 de xullo, e depositaron en nós a súa confianza. Poñamos fíos de ilusión para coser un espazo político forte”. Finalmente, Jorge Súarez, alcalde de Ferrol, afirmou que “os últimos meses e semanas de duro traballo dan o seu froito nun de consenso no que todos e todas nos sentimos representadas, irá moito máis alá das eleccións galegas”.

O plenario da Marea Constituínte escolleu ás persoas que forman a Xunta Electoral, e que a partir de hoxe comezarán a organizar as primarias. Será un proceso no que o candidato ou candidata á presidencia da Xunta se elixirá por separado, nunha circunscripción galega, mentres que o resto de integrantes da candidatura formarán listas abertas provinciais. Os detalles poden consultarse no documento base.

Tamén houbo acordo, con xenerosidade e responsabilidade, na escolla da Forma de Goberno e a Organización Interna deste espazo de confluencia. Apóstase por un partido instrumental de adscrición individual, cun funcionamento asembleario e no que as máximas decisións políticas recaen nas bases. Conta, ademais, con sólidos mecanismos de transparencia e rendición de contas, tanto das representantes orgánicas como dos cargos públicos.

Polo que respecta ao Código Ético, regulará o comportamento das representantes electas nas institucións públicas, evitando os conflictos de intereses, a duplicidade de cargos e as portas xiratorias. Representa, en definitiva, o compromiso das persoas co proxecto político.

Na Marea Constituínte de Vigo botou a andar un proxecto político froito do traballo de centos de persoas, que representa as politicas do cambio en Galicia, fronte á parálise e o atraso que supuxeron os gobernos de Alberto Núñez Feijóo. Nace cun amplo consenso, como un espazo aberto e participado, con visión de país e raíces no local, na cidadanía. Nace para representar.

mareaconstituinte.gal