Cartaz do ciclo «Ficciónate»

Terá lugar o venres 29 de xullo, na praza do Cantón de Ferrol, co obxectivo de “amosar os traballos dos novos talentos e alentar ás novas xeracións a que produzan e desenvolvan industria creativa”, segundo explicou a concelleira de Mocidade e Universidade, Saínza Ruíz

No ciclo proxéctanse as obras “Rancor”, vencedora dos Premios Redondela en Curta, “El Comediante”, dos creadores da exitosa webserie “El Método Sueco”, “Fálame do silencio”, seleccionada no Short Films from Galicia para mercados internacionais, e “Unary”, gañadora do Premio Mestre Mateo en 2015

Tras a proxección, os representantes do ciclo manterán unha conversa cos asistentes

Ferrol, 8 XULLO.- A Concellería de Mocidade e Universidade de Ferrol presenta o ciclo Ficciónate de novos creadores galegos, cun ciclo de Cinema de verán ao aire libre, que terá lugar o venres 29 de xullo na praza do Cantón de Ferrol.

A edil de Mocidade Saínza Ruíz, explicou que con este primeiro ciclo de cinema “búscase amosar os traballos dos novos talentos e alentar ás novas xeracións a que produzan e desenvolvan industria creativa”.

No ciclo proxéctanse as obras “Rancor” (vencedora dos Premios Redondela en Curto), “El Comediante” (dos creadores da exitosa webserie “El Método Sueco”), “Fálame do silencio” (seleccionada no Short Films from Galicia para mercados internacionais) e “Unary” (gañadora do Premio Mestre Mateo en 2015).

Pero ademais da proxección do filme, os asistentes poderán manter unha charla aberta e unha tertulia cos representantes de cada filme, que analizarán a actualidade do sector.

É unha iniciativa con entrada de balde, ata completar o aforo. En caso de que a meteoroloxía non o permita, o evento terá lugar no Auditorio do Antigo Hospicio.

Saínza Ruíz destacou que se trata dunha “aposta polas novas e novos creadores do audiovisual galego e polo cine independente, para por en contacto aos creadores ferroláns e á cidade con obras e artistas innovadores que non poden verse fóra dos sectores comerciais habituais”.

As catro curtametraxes de ficción viron a luz durante os últimos dous anos, e unen forzas para pescudar novas vías de exhibición e colaboración conxunta para facer chegar estas obras de pequeno formato ao gran público. Proxectaranse na Praza do Cantón de Ferrol, tras visitar o Auditorio da Illa de Arousa, a Casa da Cultura de Negreira, o Museo de Pontevedra e a Praza da Vila de Sarria.

Os filmes tratan temáticas de rigorosa actualidade. Rancor é a historia de Teo, un rapaz que durante a súa infancia sofre o maltrato, a desidia e a vexación de mans do seu pai, tendo a súa nai enferma. O pasado sempre volve, e despois de graduarse nos seus estudios, volve ver ao seu pai logo de pasar moitos anos atrás.

Tras este drama, os espectadores disfrutarán do humor de El Comediante, a historia de Óscar, un rapaz que intenta traballar no mundo do humor facendo monólogos e atopa nas pantasmas do pasado unha fonte de inspiración, ademais de vivir diferentes aventuras e desventuras que o axudan a construir o seu texto.

Tratando temas de actualidade, ante a dificultade da xuventude de non atopar saída ante os problemas laborais e persoais, enténdese o contexto de Fálame do silencio, unha reflexión sobre unha situación xeracional, da preocupación de “non ver saída”, da frustración de buscar unha estabilidade e non saber ou non poder conseguila.

Por último, a laureada Unary, trata sobre o primeiro día de liberdade de Lucas. Despois de 21 anos en prisión, Lucas enfróntase a un mundo que non coñece, a unha nova vida. Lucas está marcado por unhas rutinas, uns horarios, unha contorna e uns pensamentos que non poderá manter fóra de prisión.

O organizador, Andrés Rozados, destacou que “o proxecto nace da necesidade de ter un circuíto alternativo aos festivais e certames habituais, cunha orientación didáctica, instructiva e con vocación cooperativa”. “Ficciónate” é unha iniciativa de Abella Creativa coa colaboración de MT Producciones, Pixel Films e Porco Bravú e o apoio da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra.