#VÍDEOCLIPSAESGALLA

O concelleiro de Cultura durante a rolda de prensa de onte

Proxeccións, concertos, coloquios dan forma a un programa que arranca este venres 17 no CTB e que se prolonga ata o 8 de xullo

O concelleiro de Cultura subliñou o éxito rotundo desta primeira convocatoria con 58 pezas, de 22 formacións e 31 realizadores

Os 20 anos do Xabarín Club e os vídeos de La Bola de Cristal terán un protagonismo destacado nunha mostra con moitas bandas locais.

Ferrol, 16 xuño.- Éxito rotundo da primeira mostra de Vídeoclips do Concello de Ferrol, que na súa primeira convocatoria, e partido de cero, logrou sumar 58 pezas de 31 realizadores e 22 formacións para un proxecto pioneiro que arranca este venres 17, as 19:00 no CTB.

Así o manifestou hoxe en rolda de prensa o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, visiblemente satisfeito pola resposta a unha novidosa convocatoria lanzada desde o departamento de Cultura do Concello, no que se apostaba por combinar o talento e a promoción musical das bandas, grupos e solistas locais coa linguaxe audiovisual como escaparate do talento da comarca.

Desde logo que nos sorprende e moi gratamente o éxito desta primeira convocatoria que nos permite aglutinar e amosar todo o potencial artístico e creativo da nosa comarca”, manifestou Basterrechea.

O resultado deste experimento, que se lanzaba nos medios o 15 de abril e que nace con vocación de continuidade, é un largo listado de participantes no que se implicaron 58 pezas que xa están recompiladas no DVD ‘Vídeoclips a Esgalla’, que se vai proxectar en bucle na Sala de Proxectos do Centro Cultural Torrente Ballester, do 17 de xuño ao 8 de xullo.

Todos os traballos remitidos culminan nunhas xornadas de posta en común, para a creatividade e o debate, centradas nos videoclips aportados a esta 1º mostra e que inclúe proxeccións, concertos en directo e coloquios, expuxo Alberto Alonso, artífice e coordinador desta 1ª mostra de Vídeoclips a Esgalla. Lamentou que non se puideran incorporar todas as propostas xa que algunhas estaban aínda en formato analóxico. “É moi interesante poder saír dese universo acotado que é Youtube para chegar a todo o mundo”, manifestou Alonso.

XABARÍN CLUB E LA BOLA DE CRISTAL, COLÁNSE EN VÍDEOCLIPS A ESGALLA

Entre os grupos que participan na mostra están Skyhooks, Carrero Bianco e Bang 74, tres bandas que precisamente protagonizan o concerto de grupos locais deste venres 17 no teatro Jofre ás 20:30.

Do programa, destacar a presenza, o sábado 18 ás 19:00 horas, dos artífices do mítico ‘Xabarín Club, mais de 20 anos facendo Oink’, que son Juanillo Esteban (voz) e Alberto Casal, o director.

Outra cita destacada, o xoves 7 de xullo coa proxección e coloquio de vídeos de La Bola de Cristal a cargo do seu realizador, Luis Morales Bellet, que ten no seu haber traballos para Radio Futura, Golpes Bajos e Siniestro Total.

Outra cita para anotar, o fin de festa o venres 8 de xullo, as 20:00, por conta de ‘Auténticos Farsantes’, no que se grabará, en directo, un vídeoclip baixo a dirección de Alicia Freire.