Foron 436 persoas as que tomaron parte na primeira parte dun proceso que principiaba o 18 de abril e rematou o 20 de maio no que se constituíron 19 asembleas veciñais

20160531_123835
Onte durante a rolda de prensa o concelleiro Álvaro Montes e a técnica da Cooperativa Cultural Rexenerando.

 Ferrol, 31 maio.-  Preto de medio milleiro de veciños dos 23 barrios e parroquias da cidade tomaron parte no proceso de asembleas veciñais que se desenvolveron entre abril e maio, na primeira fase do proceso de Participación Cidadá deseñado pola Concellería de Participación, que se iniciara o 3 de decembro do 2015, no I Foro Cívico ‘Reiniciamos’, do Concello de Ferrol, celebrado no Teatro Jofre.

O concelleiro de Participación, Álvaro Montes, facía hoxe balance das asembleas e dos obxectivos acadados nesta primeira volta das asembleas, as que seguirán outras 23 de volta no futuro para comprobar o cumprimento dos obxectivos que pasan por promover a democracia activa, participa e directa dos veciños na toma de decisións do Goberno local. Foi nunha rolda de prensa na que estivo acompañado da técnica da Cooperativa Cultural Rexenerando, que estivo a darlle pulo ao proceso.

En total, foron 436 persoas  -234 mulleres e 202 homes- nas 23 asembleas celebradas asembleas celebradas entre o 18 de abril e o 20 e maio en: Mandiá, Ensanche A, Serantes, Santa Mariña, Esteiro, San Pablo, Ultramar, A Graña, Doniños, A Cabana, Santa Icía, Covas, Recimil, Esmelle, Brión, Ferrol Vello, Marmancón Canido, San Felipe, San Xoán, San Xurxo, A Magdalena e Caranza.

A resultas das mesmas, quedaron constituídos 19 das 23 asembleas de barrio -agás Doniños, Catabois, A Magdalena e Caranza-, que é o órgano legal con toda a leximitidade e representatividade para dar traslado das demandas dos veciños ao Goberno local e a corporación municipal.

A participación foi diversas. Entre as mais activas e participativas, explicaban desde Rexenerando, as celebradas en Canido e San Felipe, con 45 veciños censados dos que case o 50% tomou parte no proceso.

“Temos un mapa moi completo das necesidades e desexos do municipio onde foron escoitadas todas as voces para a mellora da xestión”, resume o concelleiro de Participación.

Montes avanzou hoxe que cara finais de ano, estará en disposición de conformarse o Consello da Veciñanza, que sería o punto e final da primeira parte da constitución dos órganos previstos no regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol.

ASEMBLEA ESPECÍFICA CENTRADA NA PROBLEMÁTICA DO TRANSPORTE

De xeito previo, no mes de abril, do 4 ao 15, tiveron lugar nove asembleas preparatorias agrupadas por barrios e sectores.  E a maiores, celebrarase unha específica centrada no transporte para traballar de xeito común no redeseño das rutas e horarios dos autobuses públicos a fin de mellorar a calidade, frecuencias, trazado e o número de usuarios do servizo.

Estas asembleas de barrio son parte do proxecto ‘Reiniciamos’, que pasaba pola celebración do I Foro Cívico da cidade, e son parte do compromiso deste Goberno local, desde o inicio do mandato, de abrir as portas a participación directa nun proceso aberto co ánimo de tomar nota das demandas, fixar prioridades, abrir vías de diálogo para mellorar a calidade de vida de cada barrio e do municipio en xeral.