Nestes días pasados, conmemorábase o Día Internacional da Liberdade de prensa, un dereito que damos por feito pero que, moi a pesares da literatura románica deste título de liberdade, cada día está mais caro de exercer.

Para mostra, estes datos que recopilamos e que son un exemplo, entre moitos, das políticas que se aplican desde o poder galego cos medios de comunicación , e moi especialmente con certas cabeceiras, e que consiste no intercambio    interesado e tóxico de cartos públicos dos contribuíntes vía convenio a dedo para acadar un trato favorable as súas accións de goberno, e que pasa por alto as     zonas mais escuras, nas que precisamente deberían afondarse para fiscalizar a acción dos Gobernos.

Un exemplo moi gráfico: no ano 2015, no mes de maio, a Xunta de Galicia repartiu “a dedo” preto de 300.000 euros de fondos autonómicos a certos xornais, en vésperas das eleccións municipais. Eses cartos se lles achegaron aos medios convenientemente nestas datas sinaladas -cita coas urnas- coa escusa dunha serie de convenios de promoción da lingua galega. Destes cartos, máis da metade foron para La Voz de Galicia. Unha práctica similar, por non dicir idéntica, observamos a través dos convenios subscritos pola Secretaría Xeral de Medios.

No ano anterior, e co mesmo sistema,  a Xunta distribuíu 911.105,88 euros dos que se beneficiaron once empresas de comunicación, a maioría editoras de xornais impresos. A primeira quenda de cartos foi unha partida 353.984,88 euros, dos que 149.000 euros chegaron a La Voz de Galicia (a que recibiu a maior contía), o resto  foi a mans doutras cabeceiras como Faro de Vigo, El Progreso ou La Región.

 

Captura
Fonte: propia. Elaboración: propia.

Outro exemplo moi gráfico que acoutamos no Concello de Ferrol. No primeiro semestre do 2015, durante o último mandato do PP con maioría absoluta, a primeira cabeceira galega ingresou 55.206 euros das arcas locais a través de distintas vías e convenios, como Foro Voz -que arestora continúan a celebrarse sen ese pago-, ou como campaña institucionais, que veñen a ser publicidade encuberta. Podemos manifestar, que no segundo semestre do 2015, os cartos que o Concello de Ferrol destinou a este medio reducíronse un 700%.

Esta rebaixa, que é común ao resto dos medios locais, é froito de reducir o número as subscricións  e de empregar a comunicación desde o Concello de xeito responsable, na  publicación de bandos, anuncios urxentes de interese para a cidadanía, empregando os medios de comunicación social, cunha labor informativa e non maniqueo nin con interese propagandístico a cambio de prevendas co fin de que poidan tratar como máis ou menos agarimo a información referida ao goberno propio. A vista está o resultado, con titulares que nos asocian permanentemente as palabras “desgoberno”, “crise”, “polémica” ou ‘indefinición’  para tentar trasladar a cidadanía a sensación de incerteza e de falta de xestión, cando estes mesmos medios son capaces de disimular e ata de agochar as máis groseiras corruptelas dos que teñen o poder e polo tanto os cartos.