20160421_125232
O Alcalde Jorge Suárez onte en rolda de prensa

O rexedor mantiña unha xuntanza en Madrid coa ministra Pastor, que se comprometeu a licitar en xuño a remodelación das Pías e asume o 50% do custo dunha ponte para rematar co illamento do barrio de Santa Mariña

 Jorge Suárez trasladoulle a ministra en funcións o seu malestar pola adxudicación do trazado sur ao porto exterior sen atender a forte oposición dos veciños, colectivos ambientalistas e partidos políticos (agás PP)

 Augas de Galicia entregou hoxe aos alcaldes de Narón e Ferrol o estudo técnico comprometido hai meses para abordar a xestión mancomunada do saneamento

   Ferrol, 21 abril.-  O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, acadou o compromiso da           ministra -en funcións- de Fomento, Ana  Pastor, de que o seu departamento vai           acometer no prazo mais breve posible os estudos necesarios na conexión por             tren entre a cidade naval e A Coruña a fin de acortar os tempos     e adaptarse as          necesidades e horarios de veciños e estudantes  universitario que se teñen que       desprazar a diario ao campus coruñés e aos seus postos de traballo.

Suárez mantiña onte pola tarde unha xuntanza das dependencias do Ministerio de             Fomento (no Paseo da Castellana) que xa fora solicitada a primeiros de marzo. Foi, tal     e como explicaba esta mañá o primeiro edil en rolda de prensa ao seu regreso, unha       reunión ‘con saldo positivo’  coa ministra en funcións e co seu equipo de asesores da que saíu con tres compromisos concretos para mellorar a dotación en        infraestruturas       do municipio.

1. Acortar os tempos na viaxe entre Ferrol e A Coruña: É unha conexión de 1913 que conta cun bypass en Betanzos (Infesta) desde o que se circula un longo tramo marcha atrás ata entrar na estación herculina. Consume 1 hora e vinte minutos no percorrido para cubrir unha distancia de 50 quilómetros “o mesmo que se vas na bicicleta”, lembrou Suárez, para engadir que “houbo moitos proxectos que non se materializaron e escasa inversións na liña”.

Os novos estudos técnicos, segundo trasladaron onte os técnicos ao rexedor, abordarán a supresión do bypass para aforrar 15 minutos na viaxe, ademais de certas melloras puntuais nas curvas para reducir os tempos e facelo mais competitivo, adecuando horarios e frecuencias do tren as demandas dos cidadáns, particularmente dos traballadores e universitarios de luns a venres.

Pastor tamén avanzou que as obras de mellora na estación do ferrocarril de Ferrol están practicamente listas para saír a licitación.

 2. Licitar en xuño do 2016 a depresión da avenida das Pías: O obra de remodelación da avenida das Pías sería licitada xa no mes de xuño para humanizar o entorno, mellorar seguridade viaria e as conexións entre os barrios de Caranza, O Bertón e os Ensanches co centro da cidade. Esta actuación figuraba nos orzamentos do Estado para 2016. Afecta a unha superficie de 1.100 metros e suma 4,1 millón de euros a executar en dúas fases para rematar no 2018.

3. Ponte para o barrio de Santa Mariña: O ministerio adopta o compromiso de asumir o 50% do custo de construír unha ponte no barrio de Santa Mariña, que era unha demanda case histórica dos veciños, para salvar a vía do tren e rematar co illamento que sofre o barrio desde a construción do derradeiro tramo da AP-9 no Acceso Norte. O Concello comprométese a facerse cargo do 50% restante e a remitir a Fomento un proxecto axeitado xa que un esbozo de etapas anteriores non cumpría cos requisitos de gálibo polo que se reconducirá cun novo trazado mais próximo ao centro urbano.

O alcalde trasladoulle a ministra Pastor o malestar que existe na comarca pola decisión de Fomento de optar polo trazado sur na conexión ferroviaria co porto exterior de Caneliñas. A súa licitación foi anunciada pola propia ministra Ana Pastor en Ferrol a 1 de abril nas dependencias da Autoridade Portuaria,  por parte dun Executivo en funcións sen ter feita unha comunicación previa ao Concello de Ferrol e ignorando a oposición case unánime dunha plataforma que integran entidades veciñais, sindicais, ecoloxistas e todos os partidos políticos da comarca, agás o PP.

ESTUDO TÉCNICO PARA ABORDAR A XESTIÓN MANCOMUNADA DO SANEAMENTO DA RÍA

 Doutra banda, o rexedor deu conta da xuntanza mantida hoxe a mañá na DX de Augas de Galicia en Santiago, co alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o concelleiro de Servizos da cidade naval. “Foi moi positiva xa que, ao fin e logo dunha longa espera, recibimos o estudo técnico comprometido que nos permite abordar unha xestión mancomunada do saneamento para as marxes Norte e Sur da ría”, expuxo Suárez.

Explicou que a proposta que achegaron hoxe os técnicos de Augas de Galicia recolle a demanda da Mancomunidade de Concellos -na que se integran 9 municipios da contorna- que defendía a contratación separación do subministro eléctrico a fin de compartir recursos (técnicos e humanos) entre concellos para gañar en eficiencia e aminorar as taxas que terán que aboar os veciños sen incrementar a presión fiscal.

ORZAMENTOS 2016 E SITUACIÓN DOS TRABALLADORES DO ESTACIONAMENTO DE PORTANOVA

Por último, o rexedor de Ferrol, en resposta as preguntas dos medios, indicou que o           documento dos orzamentos da cidade para 2016 está practicamente pechado a falta de       incorporar a proposta final de RPT (Relación de Postos de Traballo), que ten que   cinguirse as limitacións legais da lei Montoro, no canto da proposta de máximos a que      aspiraba o Executivo local polas limitacións orzamentarias.

Jorge Suárez tamén quixo deixar unha mensaxe de solidariedade cos catro traballadores do estacionamento de Portanova que levan catro meses sen percibir a súas retribucións por parte da empresa concesionaria. Manifestou que “o Concello non só se solidariza senón que puxo o caso en mans da asesoría xurídica para tomar todas as medidas precisas para rescindir o contrato no caso de que non se chegue a unha solución a curto prazo”.

“Se non pagan de inmediato a catro persoas que teñen familias e hipotecas, imos  tomar as medidas mais contundentes coa rescisión da concesión”, rematou.