Esta iniciativa de Normalización Lingüística principiaba en marzo e participaron nenos e nenas de 2º, 3º e 4º de Primaria dunha ducia de centros públicos e concertados do municipio

CEIP SAN XOAN
O concelleiro Álvaro Montes onte durante a visita ao CEIP San Xoán

Ferrol, 20 abril.- As alumnas e os alumnos do CEIP San Xoán de Filgueira puxeron hoxe o punto e final ao Conto Viaxeiro do Concello de Ferrol, centrado no adestramento preolímpico do pentacampión do mundo de triatlón, Javier Gómez Noya de cara aos xogos de Río´16.

O mellor deportista ferrolán de todos os tempos foi elixido como o protagonista desta iniciativa do Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol,   enfocada aos rapaces e rapazas de 2º, 3 º, e 4º de Educación Primaria, no que tomaron parte unha ducia de centros públicos e concertados do municipio de Ferrol.

Este mediodía, os nenos e nenas que traballaban no desenlace do conto recibiron este mediodía a visita do concelleiro de Participación e Normalización, Álvaro Montes, na súa aula.

A actividade principiaba no mes de marzo no colexio Belén, seguía no Ludy, e nos CEIP de Ponzos, Cruceiro de Canido, Esteiro e Recimil, para pasar -en abril- a La Salle, o Terra de Ferrol, Manuel Masdías para rematar hoxe no San Xoán.

O CONTO VIAXEIRO persegue dous obxectivos: achegar e estender o emprego da lingua galega  entre pequenos e pequenas do municipio e, a través deles, tamén as súas familias ferrolás dun xeito atractivo e ao tempo aumentar a presenza de recursos educativos na nosa lingua na rede.

A actividade consiste en  realizar un conto ilustrado de xeito colectivo, ao longo de varias sesións, e en cada unha delas participa  un grupo diferente de nenos e nenas que se encargarán de idear, escribir e ilustrar unha parte dese futuro conto. A sesión  de cada grupo- cunha duración de hora e media-  e desenvolverase no seu correspondente centro escolar e estrutúrase  en catro partes:

  1. Presentación e explicación da estrutura básica do conto (presentación, nó e final)
  2. Selección da ilustración do grupo precedente
  3. Elaboración da propia proposta de continuidade e das ilustracións individuais para presentarlle ao próximo grupo
  4. Gravación do vídeo conto.

O Conto Viaxeiro inclúe un blog no que, ao remate da actividade en todos os centros, se difundirán os dous  produtos finais, o vídeo conto e o conto en formato dixital