O Partido Popular que é tan virtuoso no tema da “xestión” deixou en herdanza en Ferrol a prórroga do Plan de Transporte Metropolitano para Ferrol e a súa Área metropolitana, feito tal que non permite implantar melloras neste ámbito ata o ano 2017. No convenio asinado en 2011 queda estipulada a prórroga de xeito automático, salvo nova negociación antes do 1 de maio de 2015.
A rede de transporte urbano está integrada na Área de metropolitana de Ferrol
O goberno de Rey Varela decidiu deixar durmindo nun caixón a negociación dun novo convenio que garantise a viabilidade da rede de transporte pública metropolitana, e que permitiría unha necesaria modernización desta; tanto no número de liñas e conexións, en horarios como na renovación da flota de transporte. Pero parece que a mobilidade non é unha preocupación do PP, xa que ante as demandas da mesma empresa de Tranvías de Ferrol, solicitando melloras para garantir a viabilidade do servizo, a Xunta respondeu que “perderon viaxeiros pero gañou máis cartos (a empresa)”, poñendo en evidencia que os cidadáns non son a prioridade, e que a mobilidade dos mesmos tampouco.
Emporiso, dende FeC pese a estas circunstancias tentamos mellorar a mobilidade dos cidadáns, entendendo que aínda que se prorrogase o dito convenio é posible implantar algunhas melloras que pensamos deben responder as necesidades reais de mobilidade e que permitan a conexión entre os distintos barrios da cidade e incluso coas zonas rurais da propia comarca ou do mesmo concello. Para iso de novo activaremos a participación da cidadanía a través das Asembleas de Barrio para recoller as súas demandas en transporte e mobilidade, e así de xeito colectivo redefinir o modelo de mobilidade para a nosa cidade.
 
Tarxeta de transporte metopolitano
 
FeC entende que entre as demandas máis importantes está o incremento das contías achegadas pola Xunta de Galicia para o Transporte Metropolitano no nosa cidade e a súa área metropolitana,que permita un novo deseño das liñas de transporte con incremento de frecuencias e un servizo de autobús circular con conexión entre os barrios como un elemento fundamental para a mellora da calidade de vida dos e das cidadáns e cidadás. De feito Ferrol e a súa area metropolitana é a que menor investimento público percibe tanto na inversión por habitante, como por viaxeiro e quilómetro percorrido, ocupando o último lugar en canto contía económica das sete principais cidades de Galicia.
Área Metropolitana de Ferrol
Entendemos que o transporte público e nomeadamente o transporte metropolitano, debe permitir a compatibilidade non só entre distintos medios de transporte (principalmente ferroviario) senón cos horarios laborais e escolares que fomenten o emprego do transporte público. Isto permitiría unha diminución diaria de vehículos privados o que aportaría unha mellora medioambiental e un significativo aforro nas viaxes diarias das persoas. 
Un dos atributos do Transporte Metropolitano por excelencia é a conexión intermodal que na área metropolitana de Ferrol, precisamente pola degradación e abandono institucional da conexión ferroviaria, é a día de hoxe imposible. É por tanto preciso nese senso tanto nos servizos de FEVE, como RENFE unha mellora nas infraestruturas e un correcto mantemento, así como o establecemento duns horarios competitivos, que sexan complementarios co transporte. Cómpre tamén o abaratamento das viaxes a través da AP9.
Por todo o antedito, cómpre mellorar a competitividade do servizo, no referente a información e na aplicación de esixencias ás empresas concesionarias do cumprimento das súas obrigas. No mesmo senso é necesario mellorar as bonificacións por pertenza a colectivos de terceira idade, desempregados ou estudantes, que contribúa na aumento das posibilidades de mobilidade e accesibilidade a un servizo competitivo.