O convenio de Defensa redactado en 1999 está agora de novo enriba da mesa. A superficie total que inclúe o dito convenio son uns 1,1 millóns de metros cadrados en todo o municipio entre os que están as parcelas do Sánchez Aguilera que conta con case 90.000 metros cadrados, e a antiga Estación de radio de Mandiá de 125.000 metros cadrados. Dende FeC entendemos unha necesidade recuperar eses terreos cedidos a Defensa,  para usos sociais e dotacionais ademais da súa posta a disposición da cidadanía para unha utilización de carácter social, de lecer, para o cooperativismo agrícola, nichos de empresas locais ou servizos públicos.
 
O Sánchez Aguilera no seu estado actual, de abandono absoluto constitúe un auténtico tapón que fragmenta a cidade, e non posibilita o desenvolvemento comunitario dos distintos barrios que se atopan na súa contorna. Algo que  FeC entende importante para construír unha cidade compacta, con conexión entre os barrios, para fomentar así, a mobilidades e a habitabilidade  dos cidadáns para potenciar a recuperación da vida nos barrios.
                              

                                                            Vista aérea do Cuartel Sánchez Aguilera

                                         
 FeC considera tamén de gran importancia os terreos da Estación de radio de Mandiá, nun estado lamentable froito da desidia. Terreos que consideramos prioritarios para o noso obxectivo de  promocionar o cooperativismo, que permita  presentar un novo modelo de crecemento económico, máis sostible, democrático e solidario.  A economía cooperativa, asentada nos piares da igualdade, da cooperación e da solidariedade , é un motor económico axeitado para construír un novo modelo de cidade, pero sobre todo buscar novas alternativas profesionais e formativas nunha localidade marcada pola depresión económica e os altos datos de desemprego estruturais.
 
 O monocultivo industrial do sector naval e a crise inducida pola falta de vontade política en soster un Sector Naval Público forte a través de Plans estratéxicos industriais son en parte a explicación dunhas cifras de desemprego ante as que hai que actuar dende os poderes públicos, con políticas activas de emprego que xeren traballo estable e de calidade. Neste sentido, dende FeC entendemos que a economía social e o cooperativismo poden contribuír a construír un mercado laboral menos precario e flexible. Pensamos que o sector industrial ten que vir complementado cun sector primario forte, abordando novos mercados como os produtos ecolóxicos, e axundando a potenciar os productores locais fortalecendo a rede de distribución local. Así mesmo, entedemos dentro deste proxecto a creación dunha cociña municipal na que por un lado os máis novos adquiran hábitos de consumo saudables, e por outro consuman produtos de calidade producidos na súa contorna máis próxima que ademais pode contribuír a ter unha maior conciencia ambiental.
 

 Na actualidade o cooperativismo representa tan só o 0,27% da economía na cidade, e na comarca un 0,77%. En Galicia, o cooperativismo constitúe unha fonte de emprego innegable xa que xera 10.714 empregos directos e 22.433 empregos indirectos, principalmente no sector primario e terciario, é dicir o 2,02% do emprego en Galicia. Ademais,  o cooperativismo non só permite un desenvolvemento económico, senón tamén un fortalecemento do tecido asociativo da cidade e un motor de dinamización social, que fomenta a participación, a educación, a cooperación e un traballo que busca o ben e o  interese da comunidade.

                                                       Na Antiga Estación de Radio de Mandiá
En FeC queremos para a nosa cidade un modelo económico como o que representa a “economía social”, onde se encadra o cooperativismo. Apostamos polo crecemento das actividades económicas e empresariais, que aínda que no ámbito privado leven a cabo entidades que perseguen ou ben o interese colectivo dos seus integrantes, ou ben o interese xeral económico ou social, ou ambos. Un modelo democrático no que son os propios traballadores os que asumen as decisións, un modelo no que priman as persoas, e o fin social sobre o capital, e sendo hoxe en día un dos mellores expoñentes do traballo estable e de calidade, pero tamén da promoción da solidariedade coa sociedade, que fai das cooperativas a base para o crecemento local e sostible, que fomenta a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social e a inserción das persoas en risco de exclusión.