Somos moitos e moitas os que nos afixemos durante anos a mirar Ferrol dende fóra. Non é só que a cidadeperdera 13 mil habitantes nos últimos 20 anos (de 83 mil ata os actuais 70 mil), senón que se converteu nun espazo envellecido, no que tan só o 35% dos maiores de 16 anos ten traballo, cunha proporción cada vez menor de mozas e mozos. Se en 1991 había 38.685 persoas de menos de 35 anos, dez anos máis tarde xa eran só 30.528 e en 2011 a cifra caera ata os 23.037.
 
Non quedou outro remedio, nunha cidade que ía pechando portas e oportunidades. As ilusións foron debilitándose, tamén a esperanza dun futuro distinto e dunha cidade mellor. Para moitos e moitas Ferrol xa non existe como proxecto de futuro. En moitos e moitas hai máis cariño que orgullo por este lugar.
 
Todos e todas temos atopado ferrolterráns polo mundo adiante, compartindo nas conversas un certo escepticismo sobre a nosa comarca, un desapego, un fatalismo ante unha batalla dada por perdida. Pero, de súpeto, na mesma conversa agromaban os partidos do OAR na Malata e Nate Davis, os guindastres de Astano e Bazán, Doniños e o Pantín Classic ou os solpores sobre a ría. E na gorxa acababa por facerse un nó. Hai nesa mesma desesperanza e nesa fatalidade de derrotas enlazadas un desexo forte de sentirse orgulloso ou orgullosa de Ferrol, de termos razóns para erguer un orgullo de cidade.
 
Probablemente de todos os nosos sentimentos o único que non é verdadeiramente noso é a esperanza, escribiu Cortázar. A esperanza perténcelle á vida, é a vida mesma defendéndose. Os últimos anos foron moi duros e necesitamos de esperanzas e de ilusións. E máis en Ferrol. Esperanzas e ilusións que debemos construír entre todos e todas, porque doutro xeito si que estará todo perdido. Non é o sufrimento, senón a esperanza de cousas mellores o que alimenta as rebelións.
 
Ferrol necesita un cambio que axude a recuperar a ilusión, que faga que as rúas volvan rebulir de vida. Un cambio baseado, en primeiro lugar, en escoitar os veciños e veciñas e en contar cos seus puntos de vista e necesidades para o deseño das medidas a adoptar. En informar, en ser transparente. Ferrol necesita un cambio baseado en avanzar preguntando. Ferrol necesita un alcalde que non goberne só para a metade da cidade, como veu sucedendo os últimos anos.
 
É certo que boa parte dos problemas de Ferrol teñen unha solución que vai máis aló do Concello, e é igualmente certo que os concellos viron recortada nos últimos anos a súa capacidade de acción. Pero é posible gobernar doutra maneira, vaia se é posible. Algunhas diferenzas son simbólicas, certos cambios non dependen dunha cuestión orzamentaria, senón dun saber facer, e dun querer facelo. Certos cambios dependen dun cambio de actitude: de ser firme cos poderosos e dialogantes coa xente de a pé. Ás veces simplemente se trata de non poñer obstáculos para que os sectores máis activos da cidade leven adiante os seus proxectos.
 
Outras diferenzas si teñen un peso económico claro. Abonda con falarmos da xestión externalizada do servizo de auga e do saneamento, dos 600 mil euros anuais que recibe Eulen pola xestión dos espazos culturais, e doutras cesións que só alimentan o beneficio privado e nos empobrecen aos demais, ademais de levar a unha xestión moi deficiente. Cos cartos de todos e todas pódese facer unha política moi diferente á que se veu facendo. Hai moito que facer en política cultural, en benestar, en turismo e na imaxe que Ferrol proxecta de si mesma, en urbanismo, en políticas de emprego e promoción económica. Porque dende os concellos tamén é posible crear emprego.
 
É por todo isto que apoio a candidatura de Ferrol en Común. Para ter un novo Goberno municipal a partir do 24 de maio. Quedan tres semanas. Está chegando a primavera
 
Hai ferramentas, temos instrumentos na nosa man para mudar a nosa realidade, para mellorar as nosas vidas. Aínda que nada cambie, se eu cambio, se ti cambias, se nós cambiamos, todo cambia. Como escribiu Eduardo Galeano, “ao final, cada un de nós somos o que facemos para cambiar o que somos”. Está nas nosas mans.
 
 
Marcos Pérez Pena
Xornalista