Hoxe a tardiña, o Ateneo acolleu un Foro Aberto organizado por Ferrol en Común baixo o lema: «En común xuntando mans para gañar en benestar en saúde», no que participaron, entre outros, Jorge Suárez, número un da lista e candidato a Alcaldía, Álvaro Montes (3), Suso Basterrecha (5), Montse Garel, Manolo Castro, Carlos de Río ou Rosario Alabau, entre outros.
 
Convidamos a todas as asociacións, organizacións sociosanitarias e de diversidade funcional da nosa comarca – Asfedro, Alcer, Affinor, Arraigo, Aspaneps, Aspanaes,…- co obxectivo de facer unha posta en común, participar na análise da situación en Ferrolterra e, aínda máis importante, na búsqueda e achega de potenciais solucións os problemas nos que estas entidades se atopan no día a día.
 
Froito do debate, xorde a necesidade de implementar plans de emprego específicos para colectivos tradicionalmente marxinados que bordean a exclusión -como os drogodependentes rehabilitados-, ademais de insistir na conveniencia de fixar reunións entre entidades con carácter periódico para remar na mesma dirección e mesmo compartir recursos (persoal e medios) entre asociacións, buscando e reclamando novos cauces para implicar a Administración local no traballo cotiá.
 
Os voceiros e representantes destas entidades denunciaron recortes de ata un 25% nos fondos que sosteñen os programas de saúde mental, por exemplo, que imposibilitan a aplicación efectiva dos programas preventivos e mesmo limitan os tratamentos nun crecente ‘déficit de técnicos da Administración local’. Critican que a espiral frenética de retallos nas subvencións públicas das que se nutren, os deixan no borde da desaparición. “As entidades sociais estamos tirando de amigos para aguantarnos”, denuncian.
 
Ferrol en Común aposta pola recuperación da institución municipal como garante de xustiza social e de integración e co obxectivo político de rescatar Ferrol e unha vida digna de ser vivida. “Creemos nos servicios públicos, en respostas rápidas para situacións que non admiten demora”, defende FeC.
 
Queremos concellos nos que a Xustiza Social sexa o eixo vertebrador na implementación das súas políticas. Isto implica levar a cabo accións encamiñadas a defensa dos dereitos sociais de todas as personas, sen exclusión, e que traten de desenvolver as capacidades das persoas e dos colectivos agredidos por unha crise e un sistema que os exclúe.
 
Pasa por asumir servizos esenciais para a comunidade, rompendo coa actual
dinámica de deixadez de funcións por parte da Administración ferrolá.
 
Pasa por municipalizar servicios básicos que están en mans privadas.
 
Pasa por socializar os recursos dispoñibles de forma transparente e responsable.