FERROL EN COMÚN ENTENDE A CULTURA COMO PARTE FUNDAMENTAL DA REXENERACIÓN URBANA, ECONÓMICA E SOCIAL DE FERROL.

FERROL EN COMÚN APOSTA POLA MODERNIDADE E POLO APOIO Á CREATIVIDADE LOCAL. NON HAI MELLOR FORMA DE HONRAR O NOSO PATRIMONIO QUE DOTALO DE NOVA VITALIDADE.



 


Ferrol en común entende a cultura como parte fundamental da rexeneración urbana, económica e social de Ferrol. Non se trata da guinda de ningún pastel, Ferrol en común entende que a cultura debe formar parte da vida cotiá da nosa cidade. Por todo iso é necesaria a participación cidadá, a implicación dos nosos veciños no desenvolvemento e o coñecemento das políticas locais neste campo.

 

Ferrol en común considera prioritario articular redes entre os distintos axentes culturais da cidade e do ámbito. O traballo conxunto, a implicación cos centros escolares, o asociacionismo social e as pequenas empresas do sector é o xeito de articular estratexias eficaces e que aproveiten os recursos públicos destinados a tal fin. Estes recursos deben xestionarse sempre de xeito transparente e consensuado.

 

Ferrol en común sinala como imprescindible apoiar a creación con axudas materiais, de espazos de traballo e de difusión. A nosa cidade non pode permitirse perder talento polo desprezo ou desleixo do goberno local. Ferrol necesita de imaxinación e de creatividade.

Ferrol en común aposta pola modernidade. Non hai mellor forma de honrar e reforzar a nosa lingua, as nosas tradicións e patrimonio que traballar para dotalas de nova vitalidade e atractivo cara ao futuro.

Ferrol en común comprométese a sacar o mundo da creación á rúa. A cultura non pode encerrarse en espazos que resultan alleos a gran parte dos nosos veciños. Non cremos en elites intelectuais e minoritarias, isto é o froito de estratexias rutineiras e faltas de compromiso. É necesario explorar novas fórmulas, implicarse e buscar novos públicos maioritarios. Ferrol en común confía na nosa cidadanía que sempre responde cando non é tratada como mera consumidora pasiva de produtos programados dende ámbitos que descoñecen a realidade inmediata do noso ámbito.
Ferrol en común impulsará un cambio radical nunha política local cultural que aparece hoxe máis que nunca improvisada, caprichosa, falta de calidade artística e sectaria. Non é o escándalo e a confrontación permanente a forma de impulsar unha cidade máis activa e vital.