Pois Ferrol si que mola

Nestas eleccións municipais hai moito en xogo. Puidemos cometer erros, xerar algunha decepción ou non acompasar a vontade política á tramitación administrativa. E temos que reflexionar colectivamente e pedir disculpas.

Pero nestas eleccións só hai un dilema. Un goberno de FeC que atende demandas históricas, coma a pasarela de Santa Mariña ou a reforma de Recimil, por poñer un exemplo, ou o PP, que esconde as súas siglas baixo a faciana pasada polo photoshop de JM Rey, o señor do paro, o que levou Ferrol a taxas históricas de desemprego e unicamente inaugurou obras iniciadas no mandato anterior.

Non temos préstamos, débedas nin obrigas de servilismo para trepar na política. Non pertencemos ao partido máis castigado por sentenzas xudiciais por CORRUPCIÓN, o Partido Popular, por saquear recursos públicos con fins privadas para un enriquecimento inxusto e persoal a costa do sufrimento das familias.

En FeC somos coma ti, xente que trata de vivir do seu traballo e non fai da política un medio de vida. E NON TODO É LADRILLAZO: Xente que non quere aos seus maiores en soidade, nin a mocidade desexando emigrar, nin crianzas pasando fame se non existen comedores escolares. Baixamos a taxa de desemprego máis de dez puntos. Actuamos con responsabilidade, dignidade, traballo e humildade. Temos proxecto, forza e alegría. Non grandes promesas propagandísticas.

Nestas eleccións temos que crer que é posible, que en catro anos cambiou moito, no urbanístico, no social, no cultural, no estado de ánimo da cidade. Toca escoller, entre o futuro con FeC, contigo, ou a codicia co PP, cos que escapan cando non hai lucro persoal, cos do partido machista e cacique, cos dos lobbys antidemocráticos que sentan cátedra contra o pobo.

Nós quedamos en Ferrol porque Ferrol mola, e ti?

-Jorge Suárez-