Mais aló do icónico monigote de Ferrol Mola que estampa tanta paredes e lugares, Ferrol é verdadeiramente unna cidade marabillosa na que vivir e ser con autoestima de cidade

O noso patrimonio marítimo, militar e industrial, o modernismo, o paraíso natural que habitamos, as rutas urbanas como Ferrol Rebelde son puntais a explotar no novo ciclo

Completar a rehabilitación integral de San Felipe, o monumento mais visitado do municipio con cargo aos fondos acadados do 1,5% cultural, será un dos eixos 2019-23

Potenciar Ferrol Vello como porta do Camiño Inglés, afondar na aposta polo turismo sostible, familiar, activo cunha marca propia de calidade e mellorar o control e os servizos de autocaravanas como obxectivos do vindeiro mandato

Chegar ao Castelo de San Felipe e contemplar a bocana da Ría. Pararse na casa Romero de Ucha e fixarse en cada detalle das volutas. Rememorar a folga do aceite dos anos corenta. Imaxinar a vida dun ferreiro traballando para a Armada. Estremecerse sabendo que no muro do cemiterio foron asasinadas persoas por ser demócratas. Ferrol, o berce da loita obreira e de Pablo Iglesias, de Castelar e Concepción Arenal, de tantos persoeiros ilustres que enchen páxinas e páxinas dos libros de historia, ten un patrimonio de valor incalculable.

Ferrol é patrimono palpable, modernista, visualmente poderoso. Pero hai un patrimonio inmaterial que, se ben non podemos tocar, si sentir e emocionarnos recordando a quen debemos tanto para ser unha cidade lóxica nun entorno máxico. A protección deste patrimonio, a súa posta en valor, a ansia por dalo a coñecer ao mundo, deben ser os eixos nos que articulemos unhas políticas patrimoniais, históricas e turísticas, que non afeen o noso pasado, e poidamos mostrarnos fachendosos de dicir que somos porque outros foron antes, xente de Ferrol que fixo de nós un pobo orgulloso de si mesmo.

¿Qué nos move no coidado do patrimonio neste novo ciclo político 2019-2023?

  • Protección e defensa do patrimonio histórico do concello, como o Castro de Esmelle ou o conxunto de mámoas de Brión.
  • Articular unha defensa regulada de espazos singulares, tal e como fixemos coa catalogación dos Montes do Cha como montes comunais para a súa defensa polos veciños e veciñas con conciencia medioambiental.
  • Inventariar e catalogar os bens patrimoniais do termo municipal, e darlles unha protección adecuada ao seu valor.
  • Reforzar o servizo de arqueoloxía do Concello de Ferrol, co fin de colaborar na detección e adecuada preservación dos depósitos arqueolóxicos.
  • Rehabilitación integral do Castelo de San Felipe, cos fondos acadados coa cooperación coa deputación e o 1,5% do IVE cultural, rehabilitación acompasada cun plan de usos que faga do castelo bandeira de cidade, a través de obradoiros de cantería, centro de interpretación histórica, roteiros da súa historia.
  • Poñer en valor as diferentes rutas urbanas, municipalizándoas, a ruta da construción naval, do modernismo e outras, como fonte de conservación do patrimonio inmaterial, asemade, rutas rurais pola costa, entre baterías e faros, sendo respectuosos coa flora e fauna autóctona.
  • Mesa da memoria. A tradición oral acaba diluíndo a historia e cada xeración que pasa perde parte do pasado. Documentalo é case unha obriga dunha sociedade moderna. Propoñemos a creación desta mesa interxeneracional para o coñecemento do modo de vida dos nosos maiores, como transmisión dun patrimonio fundamental, o modus vivendi

TURISMO

A costa Ártabra é un punto de referencia do turismo familiar e desestacionalizado, o que os expertos no sector veñen en denominar turismo slow. O crecemento constante dos peregrinos que toman o Camiño Inglés, a sede de Ferrol como parte do campionato Siroko de surf, o incremento exponencial de turistas que pasan polas nosas oficinas… fan de Ferrol e comarca un lugar potencial de crecemento turístico.

Ferrol en Común aposta por un turismo sostible, complemento necesario ao noso principal motor socioeconómico, o sector industrial, nomeadamente o sector naval público, e por iso impulsará todas aquelas iniciativas que permitan un crecemento constante e ordenado do turismo, sen consentir agresións ou especulacións urbanísticas que nos convertan nunha réplica de certas vilas das Rías Baixas, pero si un turismo familiar e constante ao longo do ano, vinculado a actividades na natureza e o desfrute da nosa gastronomía e tradicións, para conseguir o obxectivo final: crear postos de traballo estables e dignos nese sector que estimulen a economía local e, en consecuencia, o crecemento demográfico, clave imprescindible para a recuperación da cidade.

  • Ferrol Vello porta do Camiño Inglés. Seguir a traballar na recuperación integral deste barrio histórico da nosa cidade que é porta de entrada dos peregrinos que inician o Camiño Inglés.
  • Potenciar a Oficina do Peregrino e avanzar nas xestións coas diferentes administracións para converter o Edificio de Aduanas nun albergue de peregrinos, o cal non só melloraría a faciana do peirao de Curuxeiras, senón que sería unha fonte de ingresos e de dinamización do comercio e da hostalaría do barrio de Ferrol Vello.
  • Seguir impulsando o turismo “slow travel”, Ferrol como destino de tranquilidade e de contraposición ao turismo de masas. Poñer en valor as cualidades paisaxísticas, gastronómicas e culturais.
  • Vinculada a isto a creación dunha marca de calidade de produtos artesáns e de consumo vencellados co Camiño Inglés.
  • Potenciar e controlar o turismo de acampada e caravanas, para o seu estacionamento en zonas habilitadas que reúnan as condicións ambientais e hixiénicas.
  • Mellora do estacionamento de caravanas da Malata en canto aos servizos, así como a habilitación doutras zonas que posibiliten o estacionamento destes vehículos.
  • Seguir apostando por “Ferrol Activo” como destino de aventura, de natureza e sostible. As posibilidades que ofrece a cidade polo seu entorno natural tanto para a práctica deportivas naúticas, como no impulso de rutas de sendeirismo e BTT. Mellora da sinalización destas rutas.
  • Potenciar as diferentes rutas urbanas -modernismo, Ferrol en feminino, Rutas da Meninas, da Ilustración,- así como as rutas dos castelos ou dos faros na zona rural.
  • Turismo inclusivo. Desenvolvemento dun plan específico para promover o turismo inclusivo, cun plan de mellora da accesibilidade de destinos turísticos do Concello, difusión de lugares e locais que cumpran a normativa de accesibilidade nos portais de difusión turística do Concello (con información precisa sobre accesibilidade), creación de guías turísticas destinadas a persoas con discapacidade ou con mobilidade reducida.

FERROL MOLA

Rehabilitación do castelo de San Felipe

Continuaremos a rehabilitación do castelo de San Felipe, grazas a cooperación coa Deputación e o 1,5% de IVE cultural, e dotarémolo dun plan de usos para enchelo de vida.

Defensa do patrimonio histórico ferrolán

Recuperaremos o Castro de Esmelle e as Mámoas de Brión. Así como reforzo do servizo de arqueoloxía e realización inventario e catalogación dos bens patrimoniais do termo municipal.

Pularemos polo Camiño Inglés

Potenciar a oficina do Peregrino e converter o antigo edificio de Aduana de Ferrol Vello nun albergue será o camiño.

Impulsar o “Slow Travel” e o “Ferrol Activo”

Para que Ferrol siga medrando como destino turístico poñeremos en valor as cualidade paisaxísticas, gastronómicas e culturais así como as actividades de aventura e de natureza sostible; controlaremos o turismo de caravanas e habilitaremos novas zonas melloradas que posibiliten o estacionamento destes vehículos.

Potenciación dos mercados municipais

Os mercados son motores do comercio de produtos frescos e de proximidade, polo que impulsaremos a súa actividade cunha nova ordenanza.