Só a presión dos grupos de esquerda logra tombar unha suba salarial que vai contra toda a ética política no contexto socioeconómico da cidade.

Ferrol, 10 de xullo de 2019

Logo de apoiar a investidura de Ángel Mato como alcalde de Ferrol, e felicitarse por acadar que a esquerda reedite goberno, circunstancia inédita dende hai décadas nesta cidade, a coordinadora ampliada de Ferrol en Común fai unha análise moi negativa dos primeiros pasos dados por este goberno, que esperamos reconduza con políticas en favor da cidadanía, en lugar de esmerarse na mellora das condicións materiais económicas dos cargos públicos.

Unha vez chegados á investidura sen ningún tipo de contacto por parte de quen debe levar a iniciativa para negociar programas de acción conxunta, e previamente a calquera Xunta de Voceiros, atopamos nos medios a seguinte declaración do alcalde:

«Ahora que empezamos a remontar la crisis, creo que es conveniente, al igual que ha pasado con el resto de funcionarios y trabajadores, estudiar el posible incremento de salarios con mucha moderación», expuso. Aclara que todavía no está decidido, pero su planteamiento pasa por una propuesta de salarios ligada a la estructura funcionarial del Ayuntamiento, «para que sea una cuestión equilibrada».

En primeiro lugar, considerar que a crise “se remonta” en Ferrol supón un insulto para a cidadanía, cando en menos dun ano preto de mil traballadores perderán o seu posto de traballo por falta de carga de traballo no sector naval e, a maiores,

3000 fogares ferroláns teñen dificultades para chegar a final de mes, segundo o Instituto Galego de Estatística. E en segundo lugar, as formas de comunicar esa intención, a través dos medios de comunicación, parécenos unha falta de respecto institucional, menosprezando a xunta de voceiros, convocada o mesmo día en que se convocou o pleno ordinario, con escaso marxe de debate.

Para culminar este despropósito político, no día de onte, martes, fomos convocados ás doce e media a nova xunta de voceiros, logo de que no día anterior, puxeran PSOE e PP enriba da mesa un incremento ligado ao IPC dun

12,5%. Nesta última xuntanza o voceiro do Partido Popular non apareceu, e o señor Mato, media hora máis tarde da convocatoria, sucintamente comunicou que tiñamos a proposta na caixa de correo electrónico.

Ante isto queremos manifestar:

1.- Ferrol en Común non avala as formas empregadas para convocar o pleno de organización, tarde, improvisado e con vaivéns en falso.

2.- Ferrol en Común amósase orgulloso de, xunto co BNG, frear neste concello a proposta xeneralizada e amoral no Estado de subas salariais como primeira medida de goberno, e ser unha cidade exemplar no tocante á responsabilidade

do cargo de concelleiro, que cando se presenta a unha cita electoral coñece sobradamente cales van ser as súas retribucións.

3.- Ferrol en Común demandará unha xustificación expresa do réxime de dedicacións parciais, introducido polo PP, e que supón cobrar o mesmo salario das arcas municipais podendo compatibilizalo cun posto no sector privado, debendo ser regulado como en todos os concellos en base a criterios de control horario. Dedicacións parciais outorgadas a cinco concelleiros do Partido Popular e sen ningún tipo de marxe de negociación ao respecto, e, polo tanto, asumindo a liña vermella que marca unha organización que deixou ao goberno no mandato anterior con tres dedicacións para desenvolver a súa responsabilidade.

4.- Ferrol en Común instará a que, seguindo o aprobado no mandato anterior, as dietas percibidas pola representación na Autoridade Portuaria, sexan doadas a unha entidade social, para evitar un sobresoldo encuberto de 6000€ anuais.

En definitiva, Ferrol en Común agarda que a política real, dentro das liñas estratéxicas marcadas pola nosa organización, parta do consenso e se centre nas necesidades das persoas dende agora, instando por último a aprobación dun orzamento de trámite, pero que conteña a OEP, tal e como fixemos en 2017, co fin de salvagardar a oferta de emprego público, e mantén a man tendida para desenvolver políticas de cidade, do pazo á rúa e non de consumo interno en busca dun lucro que no contexto socioeconómico da cidade non corresponde abordar, e que, grazas a presión de FeC e BNG conseguimos que a cordura imperase neste inicio de mandato.