A posición máis doada para FeC sería pasar á oposición e manternos inflexibles, como fixeron outros no noso mandato.

Non é o momento histórico de cavar trincheiras e lanzar granadas. É a hora de darlle a oportunidade á esquerda de manter e revalidar un goberno digno para a cidade, para o seu beneficio e o da veciñanza, para o emprego e o benestar, agora dende un segundo pero importante plano, non sendo muletas se non camaradas.

Algúns viven nos clichés do pasado, na concepción do poder como unha figura feudal na que hai que buscar oco. Os tres concelleiros de Ferrol en Común temos as nosas profesións, pero queremos facer cidade. O poder é do pobo, non da clase política.

Responsabilidade, xustiza, lealdade, valentía e xenerosidade. Esa é a nosa folla de ruta. Ogallá polo ben de Ferrol cheguemos a bo porto e o 15 de xuño comece un ciclo dun Ferrol alegre que se queira a si mesmo, con políticas progresistas e próximas ás necesidades reais da xente. Ese é o compromiso de FeC