Ferrol, 2 de agosto de 2018 / Trala nova aparecida en medios de comunicación da intención do actual goberno de paralizar o procedemento aberto da Contratación das obras incluídas no Proxecto básico e de execución, e estudio de seguridade e saúdepara o aparcadoiro disuasorio da Rúa Alegre-Canido, Ferrol en Común quere amosar a súa máis absoluta desconformidade tanto no fondo como na forma xa que:

1.- A decisión foi tomada por canles que non se corresponden co chamado ao diálogo feito polo Alcalde na súa sesión de investidura tal e como puxemos de manifesto na Comisión correspondente, ao non debaterse en ningún órgano, sexa comisión ou sexa xunta de voceiros/as, e saber a nova os grupos municipais a través dun medio de comunicación.

2.- O procedemento está aberto, con orzamento consignado de 136.843,23€,IVE incluído, aberto o sobre A e feita a valoración técnica das dúas empresas presentadas, como se pode comprobar no perfil do contratante do concello de Ferrol, na plataforma de contratación do Ministerio de Facenda, nesta ligazón, incluso aberto o sobre de oferta económica das dúas empresas presentadas.

3.- O propio informe dos técnicos municipais di literalmente: “O concello de Ferrol, como medida compensatoria á redución de Prazas de Aparcamento no barrio de A Magdalena e como estratexia para fomentar o uso peonil do Barrio, propón a creación dun aparcamento disuasorio na parcela con referencia catastral arriba descrita, coa finalidade de recoller os vehículos que acceden ao centro da cidade pola zona norte (Catabois, Xoane…Etc), e como filtro disuasorio para evitar o acceso de vehículos ao centro da cidade.A Ordenanza Municipal Reguladora da Rehabilitación dos Inmobles, do estado ruinoso das edificacións e da mellora da accesibilidade ás vivendas e locais existentes, no Capítulo I, artigo 2.2, recolle o seguinte: “Mediante convenio subscrito para o efecto, os soares e terreos vacantes poderán ser postos a disposición temporal do Concello para ser acondicionados provisionalmente como espazos libres para uso público, podéndose dotar de mobiliario urbano e mesmo utilizarse como bolsas de estacionamento temporal. O convenio regulará as condicións da cesión temporal e da súa devolución aos propietarios.” Con data 10 de xullo de 2018, o Concello de Ferrol, asinou un contrato de arrendamento de solar con dona Carmen Pardo en representación da “Comunidade de Herederos Soto” para realizar na parcela con referencia catastral 1853160NJ6115S0001HS un aparcamento disuasorio.

A intervención proposta contempla fundamentalmente actuacións na parcela para poder utilizalo como aparcamento disuasorio.” Polo que, existe una necesidade real, está asinado un contrato de arrendamento para a súa efectividade con plenas garantías xurídicas, informado polos habilitados nacionais, é compatible co PXOM e a Lei do solo, e a suspensión cautelar demandada no xulgado foi denegada de plano. Dende Ferrol en Común instamos ao goberno local a reconducir a situación, para favorecer a mobilidade na cidade, nomeadamente para acadar un centro da cidade máis sustentable, favorecer a peonalización e liberar do colapso automobilístico especialmente a zona dos Xulgados, e continuar co procedemento para acadar fitos nunha cidade máis acorde co Plan de Mobilidade coa creación de 165 prazas, cuxa anulación suporía ir contra os principios programáticos acordados entre Ferrol en Común e o grupo socialista, no seu punto sétimo, relativo a un urbanismo transparente, democrático e sostible.