Ferrol, 14 de agosto de 2019

O luns 17 de setembro publicáronse no BOP da Coruña as bases sobre o procedemento de libre concorrencia para a cesión de uso dos locais dos andares 1º e 2º do Centro Comercial do Inferniño a entidades asociativas, en base a un acordo plenario de 26 de xullo de 2018.

Nesa sesión plenaria, a proposta foi aprobada sen ningún voto en contra, máis concretamente con catorce votos a favor e once abstencións do grupo municipal do partido popular, valorándose positivamente o uso dos locais nun centro cuxa experiencia comercial non frutificou no pasado. Non so iso, se non que todos os grupos participaron na comisión de baremación das entidades presentadas.

A nosa cidade ten unha riqueza asociativa indubidable de toda índole. Son moitas as entidades, máis de vinte, as que seguiron o proceso e, a día de hoxe, observan con preocupación, como así nos transmiten, as novas aparecidas en medios de comunicación que ameazan con paralizar o proceso. Entidades deportivas, sociais, de carácter cultural como as rondallas optan xa a un local nesa sede, ante as dificultades de afrontar os pagos dunha sede privada que non poden manter e as porían en risco de desaparición.

A última sesión da comisión de valoración foi o 3 de maio de 2019, onde xunto co funcionariado, participaron activamente representantes de PSOE, BNG, C’s e PP, acadándose un consenso respecto ao informe presentado polo xefe de servizo de Patrimonio de prebaremación e acordando por consenso, adiar o último trámite ao seguinte mandato da corporación municipal, para evitar precisamente que un pleno dun goberno en funcións ou durante a campaña electoral, tomase unha decisión que se excedese da administración ordinaria.

Sendo necesaria unha revitalización dun barrio populoso como o Inferniño e a diversidade de actividades que dea pulo non só a ese edificio, se non tamén as opcións de rendibilidade dun aparcadoiro que pechou por mala administración da empresa concesionaria en concurso, pero tamén pola falta de afluencia de xente, Ferrol en Común solicita que se volva a reunir a comisión de valoración, para, partindo do consenso se tome a decisión que proceda e non de forma unilateral e arbitraria.

Cómpre lembrar que o éxito da adxudicación plenaria dun local ao Club de Xadrez, a Asociación de Persoas Xordas ou ao Museo do Ferrocarril, foron o punto de inicio que supón unha experiencia contrastada de éxito e que estas bases supoñían un éxito democrático, por tres motivos concretos: publicidade e transparencia, a través dun sistema de concorrencia, consenso político ao non ter ningún voto en contra e, por último cooperación e cogoberno co tecido social da cidade que manifestou as súas expectativas e satisfacción polo procedemento aberto.