A política de terra queimada non é boa forma de arrancar un mandato con promesas de diálogo e consenso. Quizais, a falta dunha folla de ruta definida propicie nestes comezos máis mirar cara atrás con enganos, que procurar saír do hermetismo no que está sumido o actual goberno.

Case dous anos estivemos traballando en reunións técnicas e políticas, dende a discreción e o respecto institucional, para acadar unha obra imprescindible para Ferrolterra, que chega tarde, que supoña o culmen ao Plan director da área sanitaria de Ferrol. Agora, con todo feito, o goberno gábase de desbloquear o que xa estaba tramitado e dando simplemente curso ao procedemento iniciado. Xa fora aprobado en pleno un protocolo de colaboración e remitido en decembro do 18 o informe técnico ao respecto, con correccións a graves incumprimentos.

Poderiamos, xa habituados ao menosprezo e manipulación, esperar esa actitude do goberno da Xunta, que apremiaba ao concello para dar unha licenza ILEGAL contra o Plan Xeral, pero non tanto dun PSOE, que debera, por aritmética e porque así o decideu a veciñanza, respectar e tender a man para procurar orzamentos e políticas sociais aos que apoiaron a investidura do seu alcalde.

O investimento no Arquitecto Marcide é algo a celebrar, financiado con cartos públicos da cidadanía, que modernizará un área sanitaria ferida gravemente, con interminables horas de espera, escaseza e precariedade de persoal, e plantas pechadas que menoscaban o servizo.

O que non tragamos no seu momento foi con ilegalidades que pretendían tomar por asalto un vial público, a rúa Irmandade Doadores de sangue, cun mal proxecto por non prexudicar que un dos aparcadoiros máis caros da cidade se vise afectado.

Técnicos e goberno local fomos os que propuxemos no seu momento que a Xunta, para non perder o investimento, aplicar a Lei 3/16, co fin de non perder os 80 millóns de investimento e non caer en ilícitos penais tal e como parecía suxerise.

Agardemos que este investimento veña acompañado dunha OEP suficiente que incorpore o persoal necesario e non caiamos en máis eventuais e externalizacións.