Ferrol en Común presenta dúas mocións ao Pleno Ordinario do mes de setembro, unha relativa á adxudicación de locais en Porta Nova e outra en apoio aos doentes de párkinson nas súas demandas de mellora do servizo galego de apoio á mobilidade persoal.

Ferrol, 24 de setembro de 2019

Con relación a primeira moción, xa amosamos a nosa sorpresa e a nosa oposición máis firme ante a decisión unilateral por parte no novo goberno de Angel Mato de paralizar a adxudicación de locais de Porta Nova, un proceso aprobado por unanimidade por todos os grupos municipais (Bng, Ciudadanos, Psoe e abstención do PP) no anterior mandato e do que só está pendente o último paso, a adxudicación definitiva.

Non tratamos de buscar unha vitoria política se non de dar continuidade a un proceso que dará respaldo ao tecido social da cidade. Son máis de 20 entidades de diferente índole (deportiva, social, lúdico, sanitarias…) as que están á expectativa da cesións dos locais mentres o PSOE quere buscar a vía comercial para este espazo. Non cremos que impulsar un novo centro comercial sexa o mellor para apoiar ao comercio de proximidade e dende logo non é o mellor para darlle pulo ao tecido asociativo da nosa cidade.

Polo que, Ferrol en Común, co apoio de gran parte das entidades que concursan neste no procedemento, solicitará a continuación do proceso de adxudicación de locais de Porta Nova esperando lograr o mesmo apoio unánime que xa logrou no seu mandato.

Doutra banda, o grupo municipal de FeC tamén presenta unha moción de apoio aos doentes de párkinson, cos que mantivemos unha xuntanza onde explicáronos os problemas cos que se atopan no servizo galego de apoio á mobilidade personal (065), un servizo que vese rebaixado en períodos estivais ou polas rutas marcadas polo 065 coas que chegan media hora antes ao seu destino tendo que agardar a que os centros abran, coas molestias que pode xerar para persoas que non teñen unha mobilidade plena.

Esta é unha demanda dende o Concello para a Xunta de Galicia, máis concretamente para que a Consellería de Política Social escoite as demandas dos doentes de párkinson e usuarios deste servizo e poidan atender as súas demandas de mellora coa fin de que ningún paciente quede sin este servizo imprescindible para que poidan acadar unha calidade de vida óptima e poder estar en igualdade de condicións que o resto de persoas afectadas por mobilidade.