Ferrol, 20 de outubro de 2019

Nun ano electoral, onde o lavado de cara dun goberno morto, o presidido por Alberto Núñez Feijoo, trátase de levar adiante cuns fogos de artificio en forma de orzamentos fastuosos, o que demostra a realidade palpable é que a cidade de Ferrol é secundaria no foco de atención político do Partido Popular.

Ao longo destes últimos catro anos, vemos como a desindustrialización, a precariedade laboral e o desemprego, e a sangría demográfica non tiveron nin unha soa medida política por parte do goberno do país, onde o clan ferrolán de deputados parece máis ocupado en perpetuarse na vida pública que en procurar solucións para situar a vida das persoas no centro das políticas.

Deste xeito, dende Ferrol en Común instamos a unha rectificación, e presentaremos emendas en tal sentido a través do Grupo común da esquerda, para, en lugar de destinar cartos públicos do recadado entre a cidadanía para reparar centros de culto de institucións con amplos beneficios fiscais como é a Igrexa de Dolores, centrarse en políticas activas de emprego, que permitan paliar o desastre artellado no sector naval público entre Partido Popular e Partido Socialista, en volver a industrializar, a través da Consellería supostamente de Industria e o IGAPE, a nosa comarca, e en dotar de infraestruturas que posibiliten o uso do transporte público, máis alá do nefasto plan de transporte metropolitano que mantén cantidades ridículas para o núcleo conurbano e Ferrolterra ano tras ano.

A Xunta, novamente, chega mal e tarde, facendo uso do electoralismo post moderno que procura o logo e a imaxe, pero que no contexto obxectivo, supón que o saneamento chega tarde, con 150.000 euros que non valen máis que para poñer o nome, o plan director para o CHUF chega tarde, a última comarca de Galicia, cun proxecto que incumpría o PXOM para beneficiar ao aparcadoiro privado do complexo, e FeC tivo que reconducir a través da chamada Lei Citroen para poder ser executado, a rehabilitación está a anos luz en previsión, proxecto de cidade e investimento que fai o concello, e as medidas en emprego e benestar social son parches de beneficencia que non solucionan problemas estruturais na busca de votos nunha campaña que xa comezou.

Ferrol en Común agarda que a cidadanía tome nota da resposta dada pola Xunta aos conflitos e mobilizacións de Poligal, As Pontes, Navantia e a súa industria auxiliar, o ferrocarril, o saneamento do rural, o abandono dos centros deportivos construídos por esa administración, e que o ano 2020 sexa definitivamente o ano en que a cidadanía poida sentirse representada por políticos ao servizo do ben común e non do seu propio ben particular e ámbitos de influencia.