O Pleno deu comezo coa retirada da orde do día da moción de apoio ao sindicalista Pintos por parte do Alcalde.

Angel Mato, preferiu satisfacer as peticións do que parece ser o seu socio favorito, o Partido Popular, fronte a defensa da dignidade dun traballador que manifestouse para defender os dereitos laborais de todos e todas nós.

Escúdase nun informe xurídico cando é unha cuestión de vontade política, que xa foi debatida noutros Plenos da comarca.

Aínda que o Alcalde censure a nosa solidariedade co compañeiro Pintos, queremos reiterar o noso apoio pola situación de inxustiza que está a sufrir.

O goberno do Psoe levou a Pleno o convenio de colaboración coa Xunta para a construción dunha residencia de maiores nunha parcela do Bertón.

Pero unha vez máis, o Alcalde eliminou outro punto da orde do día.

Ante unha enmenda plantexada polo grupo popular que acarreaba a volta de ubicación da residencia de maiores ao Boial, Mato non foi capaz de decidir e retirou o punto do Pleno.

Nós non íamos entrar no debate do lugar pero non íamos votar a favor dun cheque en branco cun proxecto que non recolle a fórmula de xestión, nin como desenvolverase no futuro.

Seguimos apostando por uns servizos públicos de calidade que serían posibles se a Xunta investira na residencia de maiores de Caranza e non se dedicara a ceder instalacións ao modelo privado

O Bng presentou neste Pleno unha moción relativa á campaña da plataforma vía galega “Non emigramos. Expúlsannos” e coa que compartimos a mesma reflexión.

A nosa concelleira Xiana López, expoñía no Pleno que “Galicia está a menguar porque vivimos nun país sen oportunidades e esta comarca é todo un exemplo diso”.

“Para que a xente non emigre, non basta con bonitos titulares da Xunta que non dan resposta a este drama, se son que son precisas políticas activas de emprego e que faciliten o acceso a vivenda”

Por iso Ferrol en Común apoiou esta moción instando á Xunta a desenvolver políticas reais que dean resposta efectiva a esta sangría demográfica.

Quedou aprobada por unanimidade a nosa moción sobre a creación dunha mesa de traballo co fin de dar impulso e divulgación á obra de Ricardo Carvalho Calero, que será homenaxeado no vindeiro día das Letras Galegas.

Este recoñecemento é un logro colectivo e no que todo o tecido cultural e social da cidade, así como os grupos municipais, deberían participar co fin de dar a coñecer a figura do profesor Carvalho Calero e difundir o seu gran traballo como intelectual galego e ferrolán.

Aínda que o PSOE segue votando en contra do aparcadoiro disuasorio de Canido, un proxecto apoiado por toda a veciñanza, a nosa moción para a súa construción saiu adiante e agardamos o seu cumprimento.