Ferrol, 12 de novembro de 2019

Na tarde de onte, Ferrol en Común fixo unha visita, xunto coa Asociación Veciñal de Santa Mariña, á pasarela peonil que conecta os barrios do Ensanche A e Santa Mariña e atópase en construción despois de ser adxudicada no mes de abril polo anterior goberno local de FeC por un importe preto aos 670.000€.

Esta pasarela foi un proxecto fundamental polo que pulou o goberno de FeC dende o seu inicio de mandato, cando ía a contar coa cofinanciación de ADIF ao 50%, pero o compromiso político da ex ministra Ana Pastor quedou en nada, e se optou por acometer o proxecto con fondos propios sendo conscientes de que unha nova pasarela cosería dous barrios que estaban illados pola fractura da vía do tren e melloraría a calidade de vida da xente.

Tal e como puidemos constatar na visita de onte, a nova pasarela avanza favorablemente e implica un cambio radical na mellora da mobilidade e accesibilidade da zona, dando servizo a preto de 2000 veciños e veciñas.

Na nosa visita puidemos constatar a ledicia da veciñanza, xa que despois de case 10 anos e 3 corporacións municipais, Ferrol en Común deu resposta no seu mandato a unha demanda veciñal que, agora sí, é unha realidade que achega dous barrios e mellora o día a día dos veciños e veciñas.

Celebramos tamén que, non sabemos se por intención ou por casualidade, a pasarela peonil de Santa Mariña entre na axenda do actual goberno local e agardamos que non sexa vítima, coma tantas outras cousas, do revisionismo que rodea ao novo goberno.