Onte, no Pleno Ordinario de Novembro:

Dimos o noso apoio e respaldo á proposta de outorgamento das distincións de Ferrolán do ano e insignias de ouro, en especial ao recoñecemento a Pepe Leira, amigo, compañeiro e exemplo e inspiración para todas nos.

Votamos a favor da adenda de modificación dos acordos do Plan Estatal de Vivenda 2018-2019, que supoñen continuar no camiño que iniciou FeC no seu mandato en canto a rehabilitación, sendo Ferrol, a cidade onde máis se investiu en rehabilitación no periodo 2015 a 2019.

A proposta de FeC, o Pleno suspendeuse para poder asistir á manifestación comarcal para defender a reindustrialización da nosa comarca. Estamos nun momento en que non podemos permitir que se perdan máis postos de traballo, é urxente que se tomen decisións valentes por parte do goberno que garanticen un futuro laboral estable para Ferrol, Eume e Ortegal.

A nosa moción para dotar á AVV de Ultramar dun local acorde as súas necesidades para que poida desenvolver a súa actividade aprobouse por unanimidade. Así que agardamos que se continúe co expediente de adxudicación dun local iniciado por FeC e que a AVV teña a súa disposición este espazo imprescindible.

Por último, debateuse a nosa moción en prol da democracia e participación no concello xa que estamos moi lonxe de ter un goberno democrático, aberto, participado e dialogante, estamos moi lonxe de que o acordo que asinamos co Psoe para apoiar a súa investidura cúmprase e estamos moi lonxe de que este goberno esté a altura do que esperábamos. Por iso, agardamos que esta moción serva de punto de inflexión e comecemos de verdade unha actividade municipal transparente e onde as nosas voces sexan escoitadas.