Ferrol, 16 de decembro de 2019

Logo de medio ano de goberno baleiro de ideas e contidos, fragmentado e pechado en si mesmo, Ferrol en Común considera significativo e sorprendente que o alcalde persoalmente trate de emendar a acción do anterior mandato, e máis en materia de benestar.

Foi no mandato de FeC cando máis se incrementou o orzamento destinado a benestar, para a través de liñas de actuacións transversais, paliar a situación social polo do afundimento industrial da comarca, froito das nefastas políticas públicas, que a través de diferentes plans dende o ZUR ata o Reindus, do Partido Popular e do PSOE, non conseguiron máis que afondar no desemprego e perda de poboación, e, o que é máis grave, levar a Ferrol a ser a primeira cidade do ranking en índice de risco de pobreza.

Neste semestre, o señor Mato non cumpriu nin un só dos compromisos acadados nun acordo programático de goberno, illado e sen rumbo, observamos con preocupación que as súas políticas baséanse en por un lado tratar de desprestixiar o goberno anterior, tratando de tapar a súa ineficacia e, por outro, apropiándose de proxectos que son da época anterior, con visitas a pompa e boato a obras coma Pasarela de Santa Mariña, Mercado de Caranza, Praza de Armas ou a rehabilitación de Recimil; mesmo os recentes investimentos do POS e dos investimentos financeiramente sostibles son practicamente na súa totalidade proxectos redactados por Ferrol en Común. O mesmo sucede cun PEMU que vai a este pleno contratado polo goberno 15/19, o socorrismo, as beirarrúas de Pazos, o aparcadoiro disuasorio de Canido

Salientar que nas discrepancias co Consorcio galego de benestar non hai ningunha decisión política e, moito menos, intención de deixar desatendidas familias, Ferrol en Común non deixa a ninguén atrás. O que si había era a redacción duns convenios tan abstractos e defectuosos que practicamente ningún técnico podería delimitar que gastos corresponden ao Concello e cales á Xunta de Galicia, problemas técnicos que viñan herdados e moi anteriores á nosa entrada de goberno, que a súa compañeira de partido Beatriz Sestayo compartía e mesmo Rosa Martínez Beceiro do Partido Popular. No noso mandato non estendemos cheques en branco, pero iso non quere dicir que deixásemos desatendidas ás máis.

FeC desexa saber se dende agora somos considerados inimigos políticos do goberno municipal, xa que logo, o noso apoio foi sempre construtivo e en prol do progreso social, cultural e urbanístico da cidade, apostando pola participación, o emprego e o benestar, pero é certo que as barreiras ao exercicio democrático de todos os grupos municipais son cada vez maiores, con dificultade de acceso aos expedientes e política comunicativa, falta de diálogo en temas centrais de cidade e decisións unilaterais, como ceder o Dique da Cabana, proxecto local, a Exponav, sen ningún tipo de contraprestación. Colofón do ridículo que nos fai rememorar o traxe novo do Emperador foi acudir coa súa cohorte á entrega dun furgón policial contratado por FEC ou, algo inédito, arengar nun festival de monicreques, Festea, aos nenos e nenas da cidade.

Dende Ferrol en Común instamos ao señor Mato a que traballe en proxectos propios, que redunden en beneficio da veciñanza, e aí estará o apoio de FeC incondicional en todo momento, pero que non entre na deriva de cesarismo caprichoso na que está instalado, que non conduce máis que a prexuízos a unha cidadanía farta deste xogo de trilerismo político de teleserie americana.