Luns 20 de xaneiro

Comisión de Participación Cidadá

Nesta comisión soamente tratáronse cuestións de trámite.

Xuntanza co Comité de Empresa de Política Social

Tivemos esta xuntanza para coñecer da voz dos traballadores e traballadoras o estado da residencia de Caranza en vista da creación dunha nova no Bertón ou no Boial. A nosa aposta é a ampliación da actual residencia pública de Caranza.

Martes 21 de xaneiro

Comisión Facenda, Economía, Emprego e RRHH

O voceiro de FeC participou desta Comisión na que deuse conta da presentación do en FITUR e a contratación dun servizo para a redacción de pregos técnicos que rexerán a contratación posterior do servizo de prevención de riscos laborais e vixiancia da saúde.

Ofrenda Floral Chao Rego

A concelleira Xiana López, asistiu á ofrenda floral do teólogo don Xosé Chao Rego no monolito na súa homenaxe no Parque de Santa Mariña.

Mércores 22 de xaneiro

Xuntanza Asfedro

Xiana López, mantivo unha xuntanza con Asfedro para escoitar de primeira man o traballo que realizan e os medios cos que contan por parte das diferentes administracións. Aproveitamos para agradecer a súa labor que fan e apoiar as súas demandas de máis recursos para poder desenvolver o seu traballo.

Consello Sectorial de Muller

Acudimos ao Consello Sectorial da Muller onde se abordaron as iniciativas que se están a desenvolver de cara o 8 de marzo, tanto as institucionais, como a Gala do 8 de marzo, que terá lugar o día 6 de marzo, como de cooperación do movemento feminista ferrolá, que participará da manifestación nacional o vindeiro 1 de marzo en Verín, como a nivel local.

Xuntanza dos grupos de traballo de FeC

Ferrol en Común mantivo a súa primeira xuntanza cun grupo de traballo que será o punto de partida para a creación dos demais e ser apoio do grupo municipal.

Asemblea Ordinaria de FeC

Na Asemblea Ordinaria deuse conta do traballo realizado polo grupo municipal así como pola coordinadora de FeC.

Xoves 23 de xaneiro

Comisión Benestar Social, Muller, Igualdade e Mocidade

Área Benestar, deuse conta das solicitudes de entidades presentadas para participar no Consello Sectorial de Benestar Social. Ao observarse que foron moi poucas as entidades que solicitaron a súa participación vaise estudar que opcións poden implementarse para incorporar a máis entidades na constitución do mesmo.

Na área de igualdade, informouse sobre o estado do procedemento para a aprobación da constitución da Mesa Local de Coordinación Institucional contra a Violencia de Xénero, e someteuse a votación o ditame da súa constitución, cuestión que votamos positivamente.

Xuntanza delegados sindicais de CCOO do servizo de axuda no fogar.

O coidado das persoas dependentes é un servizo básico en man das administracións públicas e estas deben velar porque se desenrole da mellor maneira posible, por iso, FeC reuniuse coas delegadas sindicais das empresas que prestan este servizo para coñecer a través da súa experiencia o que verdadeiramente fai falla para dar unha mellor atención aos usuarios e usuarias sen descoidar as condicións laborais deste sector.

Venres 24 de xaneiro

Comisión de Cultura, Educación, Deportes e Festas.

O máis relevante desta Comisión foi abordar o estado do convenio para a festa do entroido en Ultramar e as bases específicas para o concurso de comparsas. Como xa dixemos por outras vías, o goberno local vai moi tarde na organización destas actividades e con moi pouca comunicación cos verdadeiros protagonistas destas festas.

Inauguración da exposición de Carvalho Calero

O voceiro do grupo municipal asistiu á inauguración da exposición sobre a figura do escritor don Ricardo Calvalho Calero con motivo do Día das Letras Galegas adicado por fin e grazas ao traballo do tecido social da cidade a este ilustre ferrolán.