No Pleno de onte presentamos a moción da Plataforma SOS Sanidade Pública para reclamar unha sanidade de calidade e apoiar a mobilización que terá lugar o domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela.

A nosa concelleira Xiana López defendeu esta moción que literalmente dí:

MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE FERROL EN COMÚN EN APOIO Á MOBILIZACIÓN POLA SANIDADE PÚBLICA O 9 DE FEBREIRO CONVOCADA POR SOS SANIDADE PÚBLICA.

O Grupo Municipal de Ferrol en Común, ao amparo do disposto nos artigos 104 do Regulamento orgánico do Concello de Ferrol, e nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento do organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta no Pleno da Corporación Municipal a moción dirixida ao pleno en apoio á mobilización pola sanidade pública o 9 de febreiro convocada por SOS Sanidade Pública.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A corporación municipal do Concello de Ferrol está preocupada pola situación e perspectivas da sanidade pública tanto do noso Concello como da Área de Saúde á que pertencemos, como consecuencia da política sanitaria da Xunta de Galicia, presidida por Feijóo, baseada nos recortes de recursos, o desmantelamento de hospitais comarcais, o abandono dos Centros de Atención Primaria, a ocultación e manipulación das listas de espera, a precarización e explotación do persoal e a privatización, que está levando a sanidade pública a un punto de difícil retorno se non a paramos entre todos.

As protestas dos Centros de Saúde, o levantamento da poboación de Verín contra o peche do paridorio do seu hospital, as protestas de pais e nais e poboación contra a falta de pediatras, son algunhas das manifestacións do malestar cidadán fronte a esta crise sanitaria.

Cremos que estamos ante un momento importante para a nosa vila, na que a Corporación Municipal, e como representantes do conxunto da cidadanía, e indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deberíamos traballar conxuntamente para que en Ferrol se poida dispor e acceder a uns servizos sanitarios públicos de calidade.

Non se pode nin se debe admitir o deterioro do noso sistema polos recortes e privatizacións do Sistema Sanitario Público. Os municipios da Área de Saúde de Ferrolterra, necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais.

Por todo o exposto, solicitamos:

PRIMEIRO. Demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais de do nosos Centros de Saúde e dotalos do persoal, necesario para garantir unha atención accesible e de calidade.

SEGUNDO. Esixir o cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da nosa Área.

TERCEIRO. Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.

CUARTO. Redución drástica das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos. Publicar as listas de espera ocultas e acabar con a manipulación das mesmas.

SEXTO. Paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da área Sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.

SÉTIMO. Acabar coa política de privatizacións de recursos e de derivar pacientes as clínicas privadas de xeito innecesario.

OCTAVO. Acabar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral.

NOVENO. Comunicar a presente Moción da Corporación Municipal de Ferrol á Consellaría de Sanidade, ao conxunto da poboación e dar, cos medios posibles para o Concello, a máxima difusión ao seu contido.

Agardamos que asistencia sexa masiva para que Feijoo escoite alto e claro que queremos unha sanidade pública e de calidade.