Ferrol, 25 de febreiro de 2020

Ferrol en Común leva ao Pleno ordinario de febreiro dúas mocións, unha pola accesibilidade no Concello de Ferrol e outra para a inmediata carga de traballo do sector naval.

Moción pola accesibilidade no Concello de Ferrol

Presentamos esta moción pola accesibilidade porque é un tema prioritario para avanzar cara un Ferrol do futuro, onde todos os cidadáns vivan en igualdade de condicións e sen barreiras que lles impidan desenvolver a súa vida con dignidade. Preocúpanos moito que non se teña en consideración para este goberno, pois vemos un baleiro absoluto en canto a proxectos de accesibilidade.

No 2014, grazas ao esforzo de entidades sociais, de amplo percorrido na súa loita pola inclusión, como son o Grupo de diversidade funcional ou ASCM, Ferrol iniciou un camiño para a construción dunha cidade máis accesible para as persoas con dificultades de mobilidade.

Xa son cinco as fases desenvoltas a prol da accesibilidade e máis dun millón de euros no seu conxunto e setecentas actuacións en pasos peonís, sendo a última fase aprobada no mandato de FeC en decembro do 2018, con 238 pasos de peóns e cunha dotación orzamentaria de 331.000 euros.

Dende Ferrol en Común estamos orgullosos de ter investido os recursos públicos nestas accións e proxectos pero somos conscientes de que aínda queda moito por facer.

Debemos poñer en valor o traballo realizado coa implicación de ASCM e Grupo de diversidade funcional, así como a colaboración dos centros educativos e da Policía Local, o goberno de Ferrol en Común desenvolveu un proxecto, pendente de executar, para mellorar a accesibilidade a centros educativos e deportivos, que incluía o acceso exterior como interior (gradas, aseos, vestuarios) dos pavillóns de A Malata, Ensanche Esteiro e Caranza, proxectos redactados separadamente para facilitar a súa progresiva execución por fases.

Pero, semella que o actual goberno non ten interese, segundo transmiten con preocupación e tristeza as entidades, en continuar con este proxecto, ou cando menos a un novo estudo, o que supón unha ralentización na batalla pola inclusión. Parece que non só existe un paro na loita contra as barreiras se non que dáse un retroceso con cada decisión que toma o actual goberno, como é continuar cos adoquíns do barrio da Magdalena.

Dende Ferrol en Común, e co apoio da entidade ASCM e o Grupo de Diversidade Funcional de Ferrol e comarca, instamos ao goberno a que se cree unha mesa pola accesibilidade con participación dos grupos municipais, as entidades antes citadas, o COAG e outras asociacións que queiran adherirse así como coa presenza de técnicos municipais para fixar obxectivos e crear un plan de actuacións e investimentos que fagan de Ferrol unha cidade sen barreiras. Igualmente, solicitamos que se dea continuidade ao proxecto de Fases de accesibilidade de pasos peonís, así como a dos centros educativos e deportivos.

Moción para a inmediata carga de traballo do sector naval

A comarca de Ferrolterra vive unha crise estrutural sostida nas últimas décadas. A nosa cidade está nunha situación límite, a demografía non se recupera, a taxa de ocupación está en barreiras do colapso e os mozos e mozas da nosa comarca vense obrigados a emigrar na procura dunha oportunidade. Reflexo desta situación é un dato significativo, case o 40% das prazas ofertadas nos centros escolares quedaran desertas. Un centro histórico, como é o CEIP Recimil, tan só ten sete alumnos matriculados no primeiro curso, cando hai non tantos años tiña varias liñas con todas as prazas ocupadas. A cidade esmorece.

Esta crise non concorda coa valoración política que se fai dende as institucións. Anuncios de carga de traballo nos estaleiros, na autoridade portuaria, na antiga Astano, promesas na construción de infraestruturas, como a liña ferroviaria á Coruña ou o Feve, a Variante do trazado norte ou a supresión de peaxes quedan en anuncios vacuos de campaña electoral. A realidade é que a comarca está a lanzar un berro de auxilio que tan só depende da vontade política. E é que, maila que nos pese, o sector naval público é a día de hoxe o verdadeiro motor de Ferrolterra, o que crea emprego de calidade e pode soster o sector terciario. Laiámonos do peche do pequeno comercio pero é que sen salarios dignos, con subsidios e desemprego, a economía non se sostén.

O estaleiro público presenta a medio prazo un futuro esperanzador, coa construción das fragatas F110, un proceso de ingreso de novo persoal e o desenvolvemento do estaleiro 4.0. O que parecía prosperidade estase a converter nunha lameira onde estanse a enterrar os soños logo de tantos titulares, con máis sombras que luces na realidade tanxible. Ferrolterra non pode agardar máis, e non basta con declaracións institucionais de apoio á mobilización, precisamos unidade e acción política concreta.

Por todo elo, Ferrol en Común presenta esta moción para instar ao Concello de Ferrol ao cumprimento do comprometido en Xunta de Voceiros co Comité de empresa de Navantia, isto é, a convocatoria dunha asemblea cidadá que poida desenvolver unha acción social de concienciación e recollida de sinaturas para instar ao goberno a construción inmediata dun AOR, demandado pola Armada en substitución do Patiño.

Tamén solicitamos ao Concello que exixa ao Goberno do Estado a implementación do estaleiro 4.0. con transparencia, investimentos e plan de desenvolvemento con prazos e orzamento concretos así como a axilización, obxectividade e transparencia na selección do persoal que forme parte do cadro de persoal de Navantia.

E por último, instar a Navantia á redución de prazos para poder acometer canto antes a construción das Fragatas F110.