Ferrol, 26 de marzo de 2020

Logo do estado de alarma, mañá venres, será convocada, por primeira vez dende o inicio desta crise, unha xunta de voceiros telemática para tratar de facer achegas a resolución dunha problemática sen precedentes e tomar coñecemento das medidas adoptadas polo goberno municipal.

Nesa reunión, o grupo municipal de Ferrol en Común, formulará unha batería de medidas que consideramos imprescindibles para protexer, dentro do deber que temos como administración pública, e logo de liberar a posibilidade de destinar fondos a investimento social decretado polo estado, á nosa veciñanza dun tempo novo, onde ERTEs, despedimentos, peches están á orde do día, e a clase traballadora, asalariada ou autónoma, pequeno comercio, hostalería, mariscadores e múltiples sectores están no absoluto desamparo, sendo quen, cos recursos que dispón o concello, de complementar as liñas de actuación das administracións autonómica e estatal.

Neste sentido, ademais das medidas propostas que achegamos en documento adxunto, queremos transmitir ao goberno municipal:

  • O noso apoio ás medidas xa adoptadas, comprometéndonos dende o inicio do estado de alarma a aportar o que está na nosa capacidade de acción, respaldar ao alcalde  como figura institucional da cidade, e a súa equipa, con total lealdade e comunicación en positivo en todas as nosas canles oficiais.
  • Animamos ao goberno á desbotar o anteproxecto de orzamento municipal presentado, polas circunstancias que nos constrinxen a renunciar aos investimentos proxectados, e, dada a situación excepcional, elaborar un orzamento urxente con todos os recursos postos en atención a esta crise, con investimento que supla calquera carencia de toda orde que todo veciño e veciña poida ter: falta de ingresos, dificultades de transporte, vencer a creba dixital, complementar no eido socioeconómico as medidas onde non cheguen outras administracións.
  • Instamos ao goberno a establecer unha periodicidade fixada nas xuntas de voceiros, co fin de que poidamos ser canalizadores de propostas cidadás de todo signo, contribuíndo a unha visión máis poliédrica da sociedade.
  • Transmitir, como grupo municipal, o noso agradecemento e felicitación pola súa valentía, a todos os servizos dependentes do concello e a todas as persoas que están a traballar nos sectores públicos e privados, sanitarios, limpeza, supermercados, auxiliares de axuda no fogar, funcionarios e funcionarias, servizos de seguridade e protección civil e todos aqueles que están a arriscar a súa saúde para protexer a da sociedade.

Ferrol en Común garantiza o seu voto positivo dos seus tres concelleiros e concelleira nese orzamento que cremos que puidera servir como exemplarizante de unidade da corporación municipal pero, sobre todo, para que ninguén quede atrás nunha situación sen precedentes na historia de Ferrol.