Ferrol, 26 de marzo de 2020

O pasado 11 de marzo a Organización Mundial da Saúde, elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 a pandemia internacional. Posteriormente, o 14 do mesmo mes o goberno do estado aprobou o Real Decreto 463/2020 de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria e anunciou que se prorrogará 15 días mais, ata o vindeiro 14 de abril.

A situación que estamos a vivir tanto a nivel nacional como internacional é grave e avanza moi rápido polo que se require estar preparados para a adopción de medidas inmediatas e eficaces para facerlle fronte.

Esta crise do Covid-19 está a provocar situacións críticas para moitas familias, non so a nivel sanitario se non tamén a nivel económico. Traballadores e traballadoras, autónomos, pymes, empresas, persoas desempregadas, entre outros, enfróntanse a unha situación que nunca antes tivo lugar e que sin dúbida vai supoñer un empeoramento grave na súa situación económica e benestar persoal; estamos preocupadas en especial polos colectivos mais vulnerables, pois son os que corren un maior risco de saír perdendo, aínda máis do que vense afectados día a día pola brecha da desigualdade.

Dende Ferrol en Común, estamos en plena disposición para colaborar con lealdade coas medidas tomadas polas diferentes administracións para frear os contaxios e dar resposta a esta crise;  e o Concello de Ferrol ten que estar á altura das circunstancias sociais que rodean a esta crise e dar resposta as necesidades que a cidadanía demanda dunha forma áxil e eficaz.

Por iso, defendemos que o Concello de Ferrol actúe como un escudo social e coide e protexa a todos os cidadáns e cidadás nestes momentos duros, dentro das súas competencias, reforzando os seus dereitos. O Real Decreto-Lei aprobado polo Consello de Ministros abre a porta a que os Concellos dispoñan do seu superávit para coidar dos fogares e das persoas que así o precisen e poidan saír desta crise con dignidade.

Por todo elo, dende Ferrol en Común queremos propoñer as seguintes medidas para saír todas xuntas desta crise e que ninguén quede atrás,

Medidas de coordinación e xestión

  • Impulso dunha Mesa de diálogo con todos os grupos municipais e os principais axentes sociais e económicos da cidade, dende os sindicatos ata as organizacións empresariais, entidades sociais, comercio local, hostalaría, sector cultura… para abordar a saída desta crise.
  • Creación dun gabinete de crise onde estean presentes os voceiros/as dos grupos municipais, con reunión semanal obrigatoria.
  • Informar ás entidades socias, de xeito periódico, da actividade municipal que sexa de interese para a cidadanía, en xeral, e os seus usuarios/as.

Medidas sanitarias e de protección

  • Esixir ás empresas concesionarias e subcontratas municipais que adopten protocolos de prevención e faciliten ao seu persoal medidas de protección axeitadas: Servizo de Axuda no Fogar, recollida de lixo, cuadrillas na rúa…
  • Paralización das obras públicas non esenciais, que non respondan a situacións de risco.
  • Crear un rexistro dos servizos e empresas que non dispoñan de material para levar a cabo as súas funcións cumprindo os parámetros de seguridade e saúde para facerlles chegar os recursos en canto sexa posible.

Medidas sociais

  • Dotar do orzamento que sexa necesario á concellería de Benestar Social para que garanta, a través de axudas, bonos e demais medidas que se consideren precisas segundo cada situación, que as necesidades básicas estean sempre cubertas.
  • Poñer en marcha un servizo de coordinación e execución entre Concellería de Benestar, Protección Civil e entidades sociais
  • Promover os servizos de atención telefónica coa máxima 1 chamada/día, para aqueles sectores máis vulnerables
  • Garantir o coidado de persoas maiores e dependentes a través do Servizo de Atención a Domicilio ante o peche dos centros de día, sempre co material adecuado para a súa protección.
  • Localizar e apoiar ás persoas maiores e/ou persoas dependentes que viven soas, ampliando o rexistro de casos dos servizos sociais. Pode que non precisasen axuda en condicións normais, pero a súa situación é susceptible de empeorar durante a corentena.
  • Reforzo do CIM ante posibles situacións de emerxencia vinculadas co confinamento e seguimento dos casos rexistrados de mulleres vítimas de violencia de xénero que poidan estar a convivir co seu maltratador. É preciso garantir a súa seguridade durante o confinamento.
  • Habilitación, se fora preciso, dun espazo municipal para as persoas sen fogar, de non haber locais municipais de garantías, contactando cos servizos de pensións e hoteis do concello.
  • Crear axudas económicas para as familias que faciliten a conciliación en familias con fillos/as menores de 13 anos.
  • Esixirlle á Xunta de Galicia, como administración competente que axilice os pagos do Risga.
  • Axilizar a xestión das axudas de emerxencia municipal, incrementando a súa cuantía, incluso realizándoas de xeito telefónico e de forma excepcional flexibilizar os criterios administrativos especialmente para as familias que non eran usuarias dos servizos sociais e que, nesta situación de excepcionalidade, teñen que solicitar axuda.
  • Ampliar o reparto a domicilio de balde para as persoas e colectivos que así o necesiten, de xeito primordial para alimentación, medicinas e outras necesidades básicas, en colaboración, sobre todo, cos mercados municipais e o Colexio de farmacia.
  • Garantir o comedor escolar aos nenos e nenas que eran beneficiarios da beca comedor e a familias que agora están en risco pola crise.

Medidas económicas

  • Manter os contratos municipais e de prestación de servizos e xestión indirecta de instalacións municipais, mentres dure o período de alarma, evitando que as empresas concesionarias executen despedimentos no seu persoal.
  • Impulso dun modificativo de crédito para incorporar o superávit de 2019 e prescindir de gasto non necesario para facer fronte á emerxencia.
  • Establecer unha liña de subvencións a custo cero para autónomos, hostaleiros, comerciantes e traballadores do mar que acrediten un nivel de renda inferior ao SMI.
  • Estudo e elaboración dun plan de exencións ou aprazamentos en tributos locais para o conxunto da cidadanía, incluíndo autónomos e autónomas, comercios e empresas. (alugueres do parque público de vivendas, recibos da auga, rodaxe, licencias…).
  • Eximir do pagamento de taxas municipais de recollida de lixo, sumidoiros, auga, ocupación de vía pública ás empresas que estean pechadas durante o período de alarma
  • Cesión de espazos municipais para coworking e despachos para os autónomos/as mais vulnerables e prexudicados por esta crise, durante 6 meses a 1 ano, para axudar a súa reactivación.
  • Pago inmediato de todas as facturas pendentes por parte do Concello ás empresas, autónomos/as e entidades con convenio e/ou subvención co concello; tramitando con carácter de urxencia os convenios nominativos (facilitando ata un adianto do 50 %) e convocando xa as subvencións de concorrencia competitiva.