Ferrol, 8 de maio de 2020

En diferentes administracións estanse a publicar normativas para unha progresiva reincorporación dos empregados e empregadas públicos que non formaron parte dos servizos esenciais, aprobadas en todos os casos previa negociación sindical. No día de onte víamos como o goberno publicaba un protocolo de actuación para a reincorporación e a transición “á nova normalidade”. Dende Ferrol en Común agardamos unha rectificación, e que esa nova normalidade non obvie os principios mínimos legais, como por exemplo o artigo 37.1 do EBEP, onde se di que son de obrigada negociación as medidas que afecten ás condicións de traballo, calendario laboral, horarios e xornadas.

Antes de saír publicamente, enviando aos medios de comunicación un “Protocolo de actuación cara á reincorporación presencial do persoal”, debéranse sentar unhas bases negociadas entre administración e traballadores, para garantir que as condicións de seguridade e saúde, tanto das persoas que acudan ás dependencias municipais como os propios traballadores e traballadoras, que deben xogar un papel fundamental no necesario estímulo público da dramática situación socioeconómica que vén por diante, queden suficientemente cubertas, con claridade e transparencia, coa posibilidade de facer achegas construtivas, e non cunha instrucción vertical onde non cabe rebatir ningún argumento do goberno e primando a publicidade sobre o ánimo de consenso.

Ferrol en Común insta  ao goberno a tratar de mellorar as condicións materiais en que o cadro de persoal presta os seus servizos, non só os que estiveron en primeira liña, como bombeiros, policía, cuadrilla de obras, benestar, rexistro, persoal de cemiterios… se non tamén aqueles que durante estes dous meses combinaron o peche forzoso e a conciliación familiar co teletraballo, polo que, tralo acordo en mesa de negociación pensamos que debera como prioridade aprobarse en pleno unha modificación de crédito para recoñecer a carreira profesional, xa en vigor na maioría de administracións.

Por outra banda reiteramos novamente a nosa predisposición a buscar de forma colectiva fórmulas que permitan a incorporación de novos efectivos, a través de programas como o coopera, obradoiros de emprego ou cobertura de prazas vacantes por acumulación de tarefas, para que o concello con necesidades estruturais dende hai tantos anos, teña a maquinaria perfectamente engraxada para que todos os seus procesos sexan áxiles, eficientes e efectivos, co fin de que calquera solicitude, ben sexa de axuda social, de licenzas urbanísticas, ou toda aquela instancia que entre por Rexistro, teña a resposta máis rápida posible e servir, como administración máis próxima, de escudo social ante tempos de excepción.