Ferrol, 8 de maio de 2020

Dende que a empresa Noa Madera foi adquirida polo Grupo Malasa, os dereitos laborais dos traballadores que alí desempeñan a súa labor víronse comprometidos. Son xa varias as veces, nas que nos últimos anos intentan desmantelar a empresa e deixar na rúa a toda ou a gran parte da súa plantilla.

Esta vez, presentan dous Expedientes de Regulación de Emprego (ERE), un extintivo para 78 traballadores e outro suspensivo para outros tantos, e todo isto co soporte da reforma laboral artellada polo Partido Popular no ano 2012, coa que as empresas teñen liberdade para despedir aos seus traballadores alegando “previsión de perdas”.

Na situación na que nos atopamos, o actual goberno creou a opción dos ERTES por causa de forza maior provocada pola COVID-19, ao que o empresario pode acollerse para facer fronte a este momento de pausa económica, pero o Grupo Malasa non parece interesado en continuar coa súa actividade e manter aos seus traballadores e decántase por despedilos alegando causas económicas, aproveitándose así deste momento de crise, para prescindir duns traballadores que teñen os seus dereitos.

Un novo golpe ao emprego na nosa comarca, que vese cada vez mais debilitada por empresas que móvense unicamente con fins económicos e tratan a clase traballadora coma unha mercadoría mais. Fronte aos abusos propios do capitalismo so cabe a mobilización e a reinvindicación de dereitos para frear a sangría do desemprego que cada vez azota con máis forza a Ferrolterra.

Dende Ferrol en Común queremos amosar toda a nosa solidariedade e apoio co cadro de persoal de Noa Madera, cunha maioría de traballadores novos cun futuro por diante que vese truncado pola codicia empresarial. É necesaria unha solución o menos dañina posible para minimizar a perda de postos de traballo. E mais neste momento no que nos atopamos, nos que non cabe o interés individual se non a aportación colectiva, para que ninguén quede atrás.