Ferrol, 13 de maio de 2020

No día de onte, en Comisión de Facenda, e hoxe, en Comisión de Urbanismo, Ferrol en Común solicitou do goberno que se axilizase o proceso de adxudicación de postos da obra xa recepcionada do Mercado de Caranza.

A obra, adxudicada no mandato anterior por 800.000 euros, era unha demanda histórica do barrio, con proxecto tras proxecto frustrado en diferentes mandatos, dende o alcalde Juan Juncal e que finalmente fomos quen de cristalizalo nun moderno mercado adaptado ás necesidades do Século XXI.

Agora, unha vez rematada e xa adxudicados os postos por un sorteo previo á obra, só queda formalizar a concesión dende o servizo de patrimonio do Concello de Ferrol. En tempos onde debemos apostar máis que nunca polo comercio de proximidade cremos unha urxencia facer uso deste servizo, xa que o estado no que están actualmente a prestar os seus servizos os praceiros e praceiras no cumpre o mínimo sanitario esixible e, ademais, non resulta atractivo para o público, polo que a súa apertura inmediata podería dar a volta a situación e estimular a compra de produto autóctono, peixe, carne, pan, froita… para desenvolver un círculo de economía local que permita a recuperación social de Ferrol.

Noutro orde de cousas celebramos a rectificación do goberno, na publicación dun protocolo de incorporación de persoal municipal, para contar coa representación sindical, así como, trala presión social, a decisión de abrir a Praza de Armas ao público.

Nos próximos meses agardamos que todos os proxectos redactados e en licitación deixados polo goberno anterior se aceleren e contribúan a o desenvolvemento urbanístico de Ferrol, tanto na zona urbana, como as envolventes de Recimil, ou o aparcadoiro disuasorio de Canido, como na zona rural, como, entre moitos outros, as beirarrúas da Estrada de Pazos, ou as beirarrúas de acceso ao cemiterio de Serantes.

Así mesmo, Ferrol en Común está fondamente preocupado polo retraso no Prego de mantemento de viais, que finalizou en novembro de 2019 e viñamos advertindo dende o verán do pasado ano e que, a día de hoxe, segue sen estar en licitación, co que non hai ningún servizo municipal para cubrir ese servizo, nin tan sequera a través da fórmula de recoñecemento extraxudicial de créditos, o que deixa a cidade sen ningún tipo de mantemento, máis alá dos traballos puntuais que pode facer unha mermada plantilla profesionalizada pero con medios escasos para desenvolver o seu labor.

Por último instamos ao goberno a posicionarse ante o Ministerio de Facenda e a Unión Europea, co fin de pedir unha prórroga no gasto dos dez millóns de euros adxudicados pola Edusi, e que poidan mudarse os criterios de gasto de cada eixe, para poder aplicalos integramente a paliar as consecuencias da pandemia.