Ferrol, 13 de maio de 2020

A Praza de Armas, ese lugar que parece o epicentro da cidade, xa sexa pola súa situación ou porque levamos demasiado tempo falando dela.

O que é certo é que encontrábase nunhas condición deficitarias e de risco para a seguridade pública, o seu uso estaba limitado polas súas carencias estruturais e contaba cun parking que presentaba mais deficiencias que beneficios.


A Ferrol en Común, tocoulle lidiar con esa realidade e puxémonos mans á obra cun proxecto participado e aberto, sometido a opinión pública e cun prestixioso concurso no que tomaron parte mais de medio centenar de estudios.  Ademais, foi unha obra sostible economicamente cun coste de 1,1 millóns de euros dos que o 80% foron aportados a través dos fondos EDUSI.

Foi María Fernández Lemos, quen capitaneou dende o primeiro momento este proxecto, pois ela estaba ao mando da Concellería de Urbanismo. Tiña un gran reto por diante, pois ademais de ser unha obra complexa tanto en requisitos administrativos coma técnicos, enfrontábase a unha das oposicións mais intensas que se recordan en Ferrol.

Paso a paso, pedra a pedra e coa tenacidade que lle caracteriza, foi tirando contra vento e marea; pero non estivo soa, tiña ao seu lado ao Alcalde, como non, un Jorge Suárez que sempre puxo o 200% para lograr que esta praza saíra adiante; e coma este moitos outros proxectos como a pasarela de Santa Mariña, o mercado de Caranza, as envolventes de Recimil, o Dique da Cabana, as beirarrúas de Pazos… e esto soamente en materia de urbanismo. María e Jorge, Jorge e María, dúas persoas que deron moito por esta cidade, aínda que a súa xestión non inundara titulares. Pero para que todo cobrase sentido, camiñando ao seu lado, atopábase un equipo de goberno que arroupaba e que traballaba de arreo nas súas áreas e no común, para que gobernar a cidade de Ferrol non resultase tarefa imposible. E por suposto, o imprescindible traballo dos técnicos de urbanismo, os profesionais que lle dan sentido a toda idea inicial e os encargados finais de que toda obra teña a súa inauguración.

Pode parecer que nos poñemos melancólicos ao lembrar un mandato agridoce, pero máis lonxe da realidade, lembramos un mandato cheo de éxitos que aínda que as cintas non as esteamos cortando nós, córtanas a cidadanía de Ferrol que ao fin e ao cabo e para eles e elas para os que collemos o bastón de mando coa idea de construír un Ferrol mellor, un Ferrol que fora un Lugar de Todas.

Para moitos soamente será unha praza, unha obra mais, pero para nosoutras é un símbolo de fortaleza, de valentía e de democracia. Unha praza que escolleu o pobo para o pobo. Atopámonos cheos de ledicia de poder disfrutala por fin, despois de que o goberno actual cedera á presión da veciñanza e acordara abrila, neste tempos na que é mais necesario que nunca gozar de amplos espazos de esparcemento; sen olvidarnos de recoñecer o xesto deste goberno que lle deu a continuidade necesaria para que se convertera nunha realidade aínda non sendo do seu total agrado, un xesto co que se respecta o traballo de moitas persoas que fixeron posible esta praza ademais de á cidade de Ferrol.