Ferrol en Común demanda actuacións nos eidos da cultura e do deportes fronte a crise do Covid-19.

Ferrol, 29 de maio de 2020

Hoxe, despois de case 3 meses sen Comisión Informativa de Cultura, Educación, Deportes e Festas, tivo lugar esta xuntanza onde déusenos conta das actuación desenvolvidas nestes eidos, sendo estas practicamente nulas.

O sector da cultura é un dos mais castigados pola crise do covid-19, xa que quedaron canceladas todas as contratacións, viron suspendidas toda a súa actividade e o futuro para eles é verdadeiramente incerto. As medidas de seguridade e saúde restrinxen o aforo de calquera evento, o que trae consigo que a súa situación económica se vexa agravada.  Artistas, produtoras, salas de concertos, equipos técnicos, equipos de montaxe… son moitos os que teñen por diante un camiño marcado pola incertidume; e non só eles, pois as editoriais e as librerías, que tamén formar parte da cultura do noso país, están acusando unha grave situación económica.

Doutra banda, os clubs deportivos da nosa cidade quedaron nun limbo no tempo, pecharon os centros, os locais e os espazos onde o deporte base cobraba a importancia que se merece, para atoparse agora, ao igual que a cultura, nunha incerteza permanente, pois o goberno local non parece preocupado pola súa situación.

Ferrol en Común, nesta comisión, mostrou o seu interese por coñecer o que se fixo ata o momento, aínda que a resposta xa a tiñamos clara: “nada”. Polo que ante esta inacción propuxemos as seguintes medidas:

  • Aprobación dunha liña de axudas global para o mundo da cultura da cidade, que lles axude a despegar de novo, desenvolvendo un diálogo con todo o tecido xerado ao redor dun rico pouso cultural que dende sempre mantivo Ferrol.
  • Habilitación dunha partida especial para a biblioteca para a compra de libros.
  • Axilización da tramitación e aprobación dos convenios de deportes, que sosteñen a  continuidade do deporte base da cidade.
  • Sen esquecernos, da contratación das actividades extraescolares para o vindeiro curso que son unha prioridade.

O mundo quedou paralizado durante 3 meses a causa do virus do Covid-19, pero iso non pode servir de escusa ao goberno local para ter todo sen facer. O goberno ten que traballar máis que nunca, pois todos os recursos públicos deben estar a disposición da cidadanía, sen esquecer ningún sector. Son moitas as entidades deportivas que dende a base colaboran na educación e integración social, e moitas as que están indignadas pola pasividade dun goberno xordo a demandas razoables.

Polo momento, este goberno, non está demostrando estar á altura das circunstancias, pois vai “tarde, mal e arrastras” nun camiño no que nin se queira se deixa acompañar.

Dende FeC, voltamos a recordarlle ao alcalde Angel Mato, que abandonar a vía dos acordos non é o camiño a seguir, pois esta crise socioeconómica supérase construíndo en conxunto.