Ferrol, 28 de xullo de 2020

Ferrol en Común ven de presentar as súas mocións para o seu debate no vindeiro Pleno Ordinario que terá lugar o xoves 30 de xullo pola mañá.

Moción en apoio ás demandas do persoal de política social

A primeira das mocións de presenta FeC é en apoio ás demandas e reivindicacións do persoal de política social da Xunta de Galicia. Despois de que o goberno galego de Alberto Nuñez Feijoo modificara o V Convenio Colectivo do seu persoal no ano 2012, deixou ao cadro de persoal das residencias de maiores, dos centros de día, dos centros de menores e de todos aqueles centros que prestan atención especial aos colectivos mais vulnerables cunhas condicións laborais mermadas e inxustas, pois disminuíuse o tempo de descanso entre quenda e quenda, negouse a compensación de domingos e festivos e sumado a que as prazas vacantes quedan sen cubrir, supón unha alta carga de traballo para todo o persoal que presta este servizo de coidados.

Dende Ferrol en Común “queremos amosar o noso apoio a este persoal esencial, como xa fixemos acompañándoos nas súas concentracións na residencia de maiores de Caranza e agora con esta moción” dicía Suso Basterrechea, “é un colectivo que recibiu o castigo directo e fixo fronte en unhas condicións laborais moitas veces precarias a algúns dos aspectos mais duros desta pandemia” remarcaba o edil.

Polo que, con esta moción instamos á Xunta de Galicia “á defensa dos servizos sociais públicos e de xestión directa, incrementando as prazas e os cadros de persoal” sinalou Basterrechea, ademais da “recuperación dos dereitos laborais, recoñecendo e compensando o traballo en domingos e festivos e garantindo o descanso semanal” engadiu o concelleiro.

Moción para a inmediata retirada do busto de Don Juan Carlos I da fachada do Concello

“Ferrol en Común é unha organización onde caben moitas sensibilidades pero todas temos a mesma idea, a república coma aspiración lexítima do pobo” así comezaba Suso Basterrechea a rolda de prensa na que presentaba esta moción coa que FeC solicítalle ao pleno da corporación a retirada do busto de Don Juan Carlos I da fachada do Concello, “como xa fixemos fai algúns anos, cando gobernábamos, polo que non poden tacharnos de oportunistas” remarcaba o concelleiro.

Ao marxe das nosas crenzas políticas existen aspectos obxectivos que motivan a nosa moción, “non hai ningunha razón legal para que o busto ocupe dito espazo” explicaba Basterrechea, e en todo caso, “Juan Carlos I non é o xefe do estado neste momento como para estar na fachada do concello”; doutra banda, “a vida do monarca é pouco exemplar e con actos presuntamente pouco legais, polo que non é un exemplo para a cidadanía de Ferrol” comentaba o edil; “outra cuestión que no seu día argumentouse para a non retirada do busto foi o custe orzamentario” cousa que non implicaría ningún gasto por parte do concello pois “suporía unha hora de traballo da cuadrilla municipal” explicaba Suso Basterrechea.

Para rematar, Ferrol en Común realizará unha emenda no pleno a súa propia moción aumentando un punto nas súas peticións: a retirada da medalla de oro da cidade de Ferrol ao cidadán Juan Carlos de Borbón “xa que entendemos que están a suceder cousas suficientemente importantes no ámbito xudicial e social para que esta figura estea en entre dito” remataba Basterrechea.