Ferrol, 8 de agosto de 2020

Ferrol en Común quere amosar o seu total desagrado pola xestión que está levando a cabo o goberno local respecto ao aparcadoiro disuasorio de Canido. Esta parcela de 3.549 metros cadrados que vai albergar mais de 160 prazas de aparcadoiro non pode converterse nunha explanada de formigón sen ningún valor estético para o barrio.

O proxecto inicial, o aprobado por Ferrol en Común, e tamén polo Pleno da Corporación o pasado mes de outubro a través dunha moción presentada por este grupo municipal para recuperalo e que foi votada a favor, presentaba un espazo respectuoso coa contorna na que se atopa o aparcadoiro, con zonas verdes e árbores que suavizan a imaxe dunha parcela que ten coma fin principal o estacionamento de vehículos pero sen que supoña un afeamento da zona.

Este proxecto inicial, que incluía os citados elementos amables coa imaxe do barrio, contou sempre co apoio da veciñanza, da Asociación de Veciños e da Interbarrial. Foi unha decisión consensuada cos grupos de representación do barrio pois son aos que lles afecta directamente, e precisamente, un dos puntos clave deste proxecto era que non supuxera un maltrato paisaxístico que rompera coa estética dun barrio verde coma é Canido.

Xa coñecemos a posición do goberno de Angel Mato respecto a este aparcadoiro, sabíamos que non entraba dentro dos seus plans, pero iso non lle da dereito a modificalo ao seu antollo, sen consensualo con ninguén e ademais convertelo nunha parcela cementada coma se non tivera ningún respecto polo barrio e valera calquera cousa. Agardamos que esta non sexa a súa idea de cidade.

Non podemos mais que amosar o noso rexeitamento a esta nova proposta de canibalismo urbanístico e deslealdade cara un proxecto consensuado e apoiado pola veciñanza que ven coma o goberno desta cidade non amosa respecto ningún polos acordos tomados en conxunto e o traballo realizado con anterioridade. 

*Na imaxe pode verse a infografía do proxecto inicial aprobado por Ferrol en Común.