Ferrol, 12 de agosto de 2020

Ferrol en Común, ademais da retirada do busto de Juan Carlos I de Borbón da fachada do concello e da retirada de calquera honra ou título honorífico, coma é a medalla de ouro outorgada pola corporación ao rei emérito, solicitará este xoves na continuación do Pleno Ordinario de xullo, a través dunha modificación da súa moción, unha condena unánime a fuga de Juan Carlos I e un chamado sobre a celebración dun referendo sobre a monarquía.

O pasado 27 de xullo este grupo municipal rexistrou unha moción para a retirada do busto do rei emérito da fachada do Pazo Municipal, pero hoxe, é preciso ir un paso mais alá e por iso vimos de modificar a nosa moción para exixir a celebración dun referendo onde a cidadanía poida decidir o modelo de estado que a represente.

Coa nosa moción tamén queremos conseguir un acordo por parte da corporación que amose que a cidade de Ferrol condena a fuga de Juan Carlos I, rodeado de numerosos escándalos, desacreditado ante a opinión pública polas informacións que o vinculan a varios casos de corrupción e investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo.

Ferrol en Común entende que Juan Carlos I de Borbón non é exemplo para ninguén e por tanto non debe de gozar de títulos, honras nin privilexios neste concello nin en ningún outro. Polo que, con esta moción, pretendemos desvincular á nosa cidade dunha institución anacrónica e caduca que non ten cabida neste siglo XXI, e moito menos cando esta tomada pola familia Borbón e os seus comportamentos presuntamente ilegais. É necesario que a xustiza e o Congreso dos Deputados investiguen o sucedido e avancen cara unha democracia real na que todas as cidadáns sexan iguais entre elas e ante a lei, con dereito a pronunciarse sobre o futuro do noso pais a través dun referendo.