Ferrol, 21 de agosto de 2020

Ferrol en Común amosa o seu apoio ao total de reivindicacións que a Confederación de Anpas de Ferrolterra exixe a través dun manifesto no que instan á Xunta de Galicia a tomar medidas para garantir unha volta segura ás aulas neste inicio de curso.

Na mañá de hoxe, FeC, ven de reunirse cos e cas representantes da Federación de Anpas de Ferrolterra para escoitar a problemática á que se enfrontan as familias neste inicio de curso inusual a causa da pandemia da covid-19. O colectivo explicou a súa gran preocupación polas medidas que presenta a Xunta de Galicia no seu protocolo de adaptación ao contexto da covid para o ensino non universitario e o seu desacordo en moitas das indicacións que alí se recollen, coma por exemplo a distancia de seguridade dun metro entre alumnas e alumnos.

Esta mala xestión e falta de coherencia por parte da Xunta de Galicia é a causa de que alumnado, pais, nais e profesorado demanden á administración autonómica unhas novas medidas que garantan unha seguridade sanitaria que non poña en risco aos nenos e nenas que acoden ás escolas para seguir coa súa formación, e en extensión a toda a sociedade galega que con eles relaciónase.

Ferrol en Común, recolle o manifesto íntegro das Anpas e preséntao en forma de moción para o seu debate no Pleno Ordinario do mes de agosto.

Neste manifesto recóllense numerosas medidas que dende FeC consideramos necesarias para que a volta ao cole desenvólvase coa maior seguridade posible e sen deixar a ninguén en situación de desigualdade. Un plan de acollida emocional para o alumnado; reorganización das materias; contratación de persoal de enfermaría e educadora social en todos os centros; profesorado e persoal de apoio necesario; mantemento da distancia de seguridade de 1,5 metros en todos os momentos; posibilidade de non asistencia en caso de risco sanitario ou que conviva con persoas nesa situación; garantir a detección e asistencia de calquera fenda dixital e garantía da formación do profesorado e das familias nunha posible formación a distancia; plan especial de atención á diversidade e ao alumnado NEAE; maior limpeza e hixiene nos centros educativos. Todas estas medidas, soamente son unha mostra dun documento de 6 follas que a Xunta de Galicia debería consultar á hora de elaborar os seus protocolos educativos.

O profesorado, sindicatos, pais, nais e a sociedade en xeral leva meses pedíndolle a Alberto Núñez Feijoo un plan viable para a volta ás escolas, pero vémonos a 21 de agosto cunhas medidas que non convencen a ninguén e solicitándolle ao goberno central un protocolo conxunto, despois de que o goberno galego rechazara a partida que lle correspondía á nosa Comunidade Autónoma en materia de educación.

Os deberes non están ben feitos por parte da Xunta de Galicia e por iso, Ferrol en Común, rexistrou está mañá está moción. O protocolo fronte á covid-19 nas nosas escolas, que afecta as familias e ao conxunto do profesorado, debe conter actuacións que garantan un desenvolvemento da educación dun xeito seguro e controlado, sen poñer en risco a toda a poboación. Polo que consideramos que o goberno local debe asumir estas medidas dentro das súas competencias e ademais instar á Xunta de Galicia, que é de quen depende a materia de educación, a modificar o seu protocolo e aprobar e aplicar todas as medidas que aparecen no manifesto da Confederación de Anpas de Ferrolterra para garantir unha volta as aulas en total seguridade fronte a pandemia de Covid-19, tal e coma se recolle nos acordos da nosa moción.