Ferrol, 25 de agosto de 2020

Ferrol en Común, xunto co representante dos integrantes da Banda Municipal de Música, Bernabé Simes Garcia, ven de presentar en rolda de prensa a súa moción relativa á recuperación da Banda Municipal de Música que se debaterá no Pleno Ordinario de Agosto.

Na rolda de prensa desta mañá o concelleiro de Ferrol en Común, Suso Basterrechea repasaba a actividade da Banda Ferrolá de Música e poñía en valor a súa importancia facendo fincapé na profesionalidade dos membros da composición e remarcando que se “atopa no top 3 das bandas de Galicia, sendo un referente no país”.

A problemática que nos ocupa é que “se a banda medrou artísticamente, non sucedeu o mesmo nin burocrática nin administrativamente, e está no debe de todas as forzas que gobernaron esta cidade” dicía Basterrechea. É moi difícil dotar dunha solución á situación na que atópase a Banda Municipal, pois “non se pode falar de becarios cando alguén leva dez ou quince anos nesta Banda” engadía o concelleiro, o que levou aos integrantes da agrupación musical a interpoñer unha demanda no xulgado para facer valer os seus dereitos laborais, coa que lograron ser recoñecidos coma persoal laboral indefinido non fixo, “o cal marca unha relación clara co concello de Ferrol e podíamos entender que se normalizaba a súa situación e habería unha regularidade nos pagos, actividades, compromisos…” explicaba o edil, “pero lonxe diso a Banda preséntase desaparecida do panorama social e cultural da cidade”, ademais de non recibir ningún pago dende o mes de xaneiro.

“Non se sabe nada da Banda e o que é peor, a Banda non sabe nada do Concello” espetaba Suso Basterrechea, o cal dende Ferrol en Común calificamos coma lamentable. Tal e coma comentaba Bernabé Simes, o representante dos membros da agrupación “aínda non coñecemos ao Concelleiro de Cultura”, algo realmente sorprendente tratándose dunha banda municipal e que demostra a total e absoluta deixadez do actual Concelleiro de Cultura e a situación de desamparo na que atópanse os membros da Banda.

FeC presenta esta moción coa finalidade de que os integrantes da Banda Municipal cobren “o salario recoñecido” que lles corresponde dende xaneiro, para que se abra de forma inmediata unha liña de comunicación co concello co fin de coñecer a folla de ruta da concellería de cultura e para que se elabore un programa artístico no que se conte con esta agrupación musical municipal porque “vemos en peligro o seu futuro”, remataba Suso Basterrechea.