Ferrol, 22 de setembro de 2020

Retomar a construción do Memorial en lembranza das vítimas do franquismo e apoiar as demandas da Cofradía de Mariscadoras de Ferrol na súa busca de solucións para a situación na que se atopan, son as dúas mocións que FeC levará a debate no Pleno Ordinario deste mes de setembro

Moción para instar á consellería do mar a dar solucións ás mariscadoras das nosa ría

Temos unha ría de gran riqueza que na década dos 90 chegou a ser o banco marisqueiro de ameixa babosa mais importante de Galicia. A día de hoxe, atópase en mínimos históricos non só deste molusco se non de todos os que se recollen nas nosas augas.

Os vertidos, a falta de saneamento, os recheos que pechan a enseada de A Malata ou as barreiras que cortan a ría coma nas Pías, máis o efecto do parásito “perkinsus olseni” dan lugar a unha ría case morta na que as familias da comarca non poden levar a cabo o seu traballo e tampouco atopan solución algunha por parte das administracións competentes.

FeC afea as propostas da Consellería do Mar e recrimínalle non estar á altura do problema que sofren as mariscadoras. Pechar os bancos marisqueiros e darlle a opción ás traballadoras e traballadores de acollerse a axudas por cese de actividade, está ben, pero non é suficiente e moito menos cando as condicións de ditas axudas non fan posible que poidan acollerse a elas.

Ferrol en Común presenta está moción despois de terse reunido coa Presidenta da Cofradía de Pescadores e Mariscadoras de Ferrol, e de coñecer de primeira man o que padece este colectivo. É de vital importancia que se realice por parte do Ministerio de Fomento e Xunta de Galicia un estudo integral da ría para coñecer os problemas existentes e poder dar solucións eficaces e definitivas que poñan fin a esta situación e devolvan a vida á ría coa recuperación da súa riqueza e dos postos de traballo.

Podes consultar a moción completa aquí