Ferrol, 13 de outubro de 2020

Levamos meses co Mercado de Caranza rematado e listo para que os placeiros e placeiras ocupen os seus postos despois de 30 anos demandando un mercado novo que o anterior goberno de Ferrol en Común converteu en realidade. En maio este grupo municipal presentou no Pleno Ordinario unha moción para a adxudicación inmediata dos postos, proposta que saíu adiante cos votos a favor de toda a corporación excepto os do PSOE, cousa que chama bastante a atención. Estas últimas semanas os placeiros e placeiras, a veciñanza, toda a oposición e nós, levamos reclamando a apertura inmediata do mercado para que por fin poidan dar o servizo de calidade, que xa viñan dando, nunhas instalacións de calidade, pero a resposta do Señor Mato é abrir unha porta de noite e coa Presidenta da Asociación de Veciños de Caranza vendendo a foto coma un triunfo; porta que leva ao ascensor e que garante a accesibilidade ao mercado, cousa que é obriga de todas as administración públicas.

Ferrol en Común non comprende coma o goberno do PSOE é capaz de darlle voltas e voltas á perdiz antes de abrir o Mercado tal e coma deixou previsto este grupo municipal no seu momento. Se deixaran de poñer escusas os placeiros e placeiras xa levarían todo o verán dando servizo nunhas instalacións accesibles, modernas, dignas e que fan atractiva a compra de produto de proximidade, activando así un círculo de economía local que permita a recuperación social da nosa cidade.

Unha das escusas que máis se escoita para que esta obra nova na que se investiron 800.000€ continúe pechada é que estase a elaborar un prego para a adxudicación dos postos do mercado de forma aberta, é dicir, que poida acceder toda a cidadanía. Dende FeC non estamos de acordo con esta opción, pois para nós non se trata dun novo mercado se non dunhas obras de reforma do que xa existía e por elo non é necesario adxudicar os postos se non reubicar aos operadores. Pero aínda así, se para o goberno actual é imprescindible abrir o mercado cun prego de adxudicación dos postos, demandámoslle que se teña en conta a experiencia e a antigüidade á hora de puntuar ás ofertas, coma se fai en numerosas cidades.

Ferrol en Común ve unha prioridade a adxudicación dos postos sexa coma deixamos previsto ou a través dun prego sempre que se contemple a antigüidade para que dunha vez por todas os placeiros e placeiras poidan levar a cabo o seu traballo nunhas instalacións adecuadas e recién reformadas para a activación do comercio local e produto de proximidade.

Temos que resaltar, que hoxe o goberno local levou á Comisión de Facenda unha instrución para regular os procedementos de autorizacións de ocupacións temporais de postos vacantes nos mercados municipais da Magdalena e Recimil mentres en Caranza seguen a espera dun prego que nunca chega. Isto só demostra que cando se ten interese por algo búscanse as fórmulas adecuadas para que saía adiante.

Ferrol en Común ten claro que a solución para o Mercado de Caranza pasa pola vontade política do Señor Mato, e unha das cousas que se teñen que facer cando se goberna unha cidade é escoitala, e agora mesmo está berrándolle a gritos que quere un Mercado de Caranza aberto. Polo que agardamos, que o goberno local arranque dunha vez o mecanismo necesario para poñer aos placeiros e placeiras nos seus postos dun xeito xusto para todas.

Parte do prego do Concello de Cartagena onde contémplase a antigüidade
Parte do prego do Concello de Punta Umbría onde valórase a antigüidade
Parte do prego do Concello de Herrera (Sevilla) onde puntúase a antigüidade