Ferrol, 14 de outubro de 2020

Ferrol en Común preguntou hoxe en Comisión Informativa de Urbanismo sobre os avances nas negociacións do Convenio de Defensa; un convenio que o noso grupo municipal está disposto a apoiar sempre que non sexa oneroso e non supoña ningún custe para a nosa cidade.

Durante o noso mandato levábanse a cabo numerosas xuntanzas dende a Concellería de Urbanismo e mesmo dende Alcaldía co INVIED, organismo do Ministerio de Defensa que xestiona as propiedades desta administración que se van desafectar, para negociar as condicións da cesión dos bens da súa titularidade a favor da nosa cidade; pero para a nosa sorpresa o concelleiro de urbanismo, Julián Reina, afirmou hoxe na Comisión ao ser preguntando polo noso voceiro sobre este tema, que unicamente mantívose unha xuntanza protocolaria de presentación co INVIED en 16 meses de goberno na que non tratouse o Convenio de Defensa.

Esta paralización dunha prioridade máxima coma é a recuperación de espazos públicos para a nosa cidade, coma o Parque Sanchez de Aguilera, ven a amosar o desinterese deste goberno por temas fundamentais de cidade o que abócanos directamente a 4 anos perdidos nesta materia.

Doutra banda, FeC amosou o seu interese por coñecer o estado do PXOM, un plan fundamental para a cidadanía ferrolá que precisa saber que actuacións poden acometer nas súas propiedades ou que previsións existen en materia de urbanismo para a nosa cidade nos vindeiros anos, constatando unha vez máis que en 16 meses non houbo absolutamente ningún traballo ao respecto. O goberno local limitouse a agardar a resposta da Oficina de Planeamento, que ten adxudicada a súa redacción por 800.000€, en canto a unha solicitude de rectificación do Plan asinada por todos os técnicos municipais de urbanismo e feita durante o noso mandato.

A mesma paralización acontece co proxecto da Intermodal, que noutras cidades como Pontevedra ou Santiago, xa se está levando a cabo, mentres aquí en Ferrol, o Concelleiro de Urbanismo aínda non mantivo nin unha soa xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia para abordar os avances que se poden realizar nesa infraestrutura.

Todo isto unido ao descoñecemento do concelleiro e voceiro do goberno municipal sobre a achega municipal que debe realizar o concello no investimento que vai facer a Deputación da Coruña no Malata e no Confurco, pon de manifesto o contido nulo das comisións de urbanismo onde o único documento entregado hoxe foi o PEMUS do Eixo Atlántico onde de 200 páxinas, dúas corresponden a Ferrol cunha información pouco rigorosa afirmando que temos 71.200 habitantes.